Foz, 10 de febreiro de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo hoxe, mércores, unha reunión telemática co delegado do Goberno do Estado en Galicia, Javier Losada, que se comprometeu a impulsar o terceiro acceso á vila focense e a construción de rotondas na parroquia de Cangas.
“Quero agradecer ao delegado do Goberno, Javier Losada, a atención que tivo comigo para falar de varias peticións do Concello de Foz, asuntos que se comprometeu a impulsar. A nosa primeira reivindicación foi o terceiro acceso á vila, no que seguimos traballando e do que esperamos que se teñan bos froitos. Tamén solicitamos un empuxón para as rotondas de Cangas que están pendentes e para algúns proxectos, dependentes do departamento de Costas, de paseos marítimos, para os que están as expropiacións xa executadas e que darán un impulso moi importante a ese gran paseo que temos bordeando o noso litoral e que tanto atrae a veciños e visitantes”, manifestou o rexedor municipal.
Fran Cajoto rematou comentando que a xuntanza desenvolveuse “nun ton moi cordial e foi moi construtiva. Quedamos emprazados para seguir en contacto e ver a evolución das distintas xestións e estou moi agradecido”.