Foz, 5 de febreiro de 2021. O peirao de Foz acolleu hoxe, venres, a botadura dun barco pesqueiro construído no polígono industrial de Fazouro.
Anunciouno o alcalde, Fran Cajoto: “hoxe tivemos unha moi boa nova no peirao de Foz: botouse un barco pesqueiro de considerables dimensións, o Josercris, con matrícula de Avilés, que vai para Luarca. Foi feito no polígono de Fazouro polo estaleiro KSINS. É unha embarcación de fibra, ben deseñada e esperemos que lle sirva ao seu propietario con saúde para obter eses froitos do mar”.
O rexedor municipal destaca que “volver ver en Foz a botadura dun barco, despois da tradición mariñeira que ten a vila, con 5 estaleiros que chegamos a ter funcionando ao mesmo tempo, a verdade é que dá moita ilusión. É unha noticia de esperanza nuns momentos complicados que estamos a vivir”.
Cajoto rematou comentando que “na tradicional rotura da botella contra o casco escachou á primeira, o que esperamos que sexa un augurio de moi boa sorte e que dea moitas alegrías aos seus propietarios. E que o estaleiro siga fabricando barcos de tan boa calidade aquí, en Foz”.