Ribadeo, 8 de febreiro de 2021. Oito persoas asistiron ao curso sobre aparatos de medida, que se celebrou esta fin de semana en Ribadeo organizado por APAGA. A totalidade das prazas ofertadas foron cubertas, polo que o balance que realiza o presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, é positivo.
O curso sobre aparatos de medida mecánicos e eléctricos desenvolveuse aplicando todas as medidas que regula o covid como separación adecuada, ventilación, etc… No mesmo abordáronse cuestións como o calibre en mm e pulgadas, o calibre de profundidade, os micronómetros de exteriores, interiores e de profundidade, o reloxo comparador ou o manexo do osciloscopio en voltios e amperios.
A vindeira actividade formativa será en Ribadeo o 20 de febreiro. Álvaro Doural lembrou que “se trata dun curso, deseñado para xente que se vaia presentar a oposicións, sobre o tema de programación, unidades didácticas e todo ese tipo de cuestións. Este curso seguramente vai ter outro día máis, pero máis adiante, en principio a primeira cita será o 20 deste mes”.
O presidente de APAGA engadiu que “a última fin de semana do mes de febreiro, os días 27 e 28, teremos un curso de aerografía. Está aberto a todo o público que queira participar. E abordarase o tema de aerografía en distintos equipos como pode ser no automóbil, nas motocicletas, nos monopatíns e ata a utilización de aerografía no corpo humano”.
As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao teléfono 639 88 49 45 ou á páxina web, www.apaga.es.