Burela, 3 de febreiro de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, considera unha mala noticia a supresión dun médico de atención primaria no centro de saúde en horario de tarde. Agora tan só se presta ese servizo dous días á semana. O rexedor esixe ao Sergas o seu restablecemento o antes posible. Llano aludiu tamén á baixada de número de contaxios por covid19 en Burela.
O alcalde declarou que “Burela ultimamente vai recuperando as posicións con respecto ao coronavirus. Estamos baixando moi lentamente, pero imos baixando todos os días un pouco. Vanse facendo menos PCRs porque xa se vai normalizando a situación. Isto significa que imos facendo as cousas ben. A xente está colaborando, desde logo esta é unha responsabilidade conxunta e compartida. Imos intentar que o día 17 poidamos pasar a unha situación mellor e que poidamos xa normalizar un pouco máis as nosas vidas e volver atender a actividade socioeconómica”.
O rexedor burelés manifestou que “nos preocupa a perda dun médico de atención primaria de Burela que viña exercendo polas tardes. Desde as dúas da tarde ata as nove da noite había unha persoa atendendo, durante toda a semana, á xente que escollía ese horario. Agora non existe xa, de momento non se está exercendo ese servizo. Pénsase facer unhas peonadas durante dous días, os martes e os xoves, de tres horas, o cal limita moitísimo a oportunidade da xente de consulta. Iso non pode ser”.
Alfredo Llano manifesta que “hai que ter en conta que agora mesmo, en plena pandemia e con esta ola que estamos padecendo, e xa desde sempre a atención primaria debe ter o suficiente persoal como para atender con todas as garantías á xente. Ademais había que ir pensando en recuperar a atención presencial dos pacientes e ir procurando que se vaia normalizando, pero hai que facelo coas condicións que se esixen, que é ter persoal suficiente para que faga as quendas suficientes tamén”.
O alcalde considera que “é unha mala noticia que se suprima ese servizo e hai que recomendar ás autoridades sanitarias, e así o faremos, que recuperen inmediatamente e que se volva normalizar esta situación o antes posible”.