Burela, 23 de xaneiro, 2021. O atrevemento e a valentía Pescados Rubén deron a cara ante o gran potencial de Jimbee Cartagena, que soubo como atar a vitoria no seu feudo (7-4). Tras o axustado marcador de 2-1 ao descanso e gran perigo visitante, a escuadra laranxa estrelouse contra a solvencia da rede local con Raúl como o protagonista da xornada. Os galegos estaban moi vivos pero o 3-1 fixo moito dano; aínda que seguiron pelexando, o gran potencial de Cartagena soubo como responder a cada reacción goleadora dos da Mariña para distanciarse.
Os pupilos de Juanma Marrube saltaron ao Palacio dos Deportes coa coraxe e a garra por bandeira. Así protagonizaron o perigo nos primeiros minutos con Raúl como a gran referencia nas filas murcianas. No 2 avisaron Pazos, de disparo cruzado, e Matamoros, en contragolpe. Despois de dúas de ouro de Iago Míguez e Quintela, no 6, Duda quixo cambiar a orde do partido pedindo tempo para evitar que os galegos gañasen as costas ás filas locais. Con todo, o Pescados Rubén conseguiu adiantarse coa serenidade e elegancia de Álex Diz, no 7, en xogada individual pola banda e disparo cruzado. Unha vantaxe máis que merecida que Bebe neutralizou na seguinte xogada pola escuadra, asistido por Marinovic. Gañou en presenza Jimbee con dúas boas intervencións de Edu, ante Lucão e Waltinho para dar paso ao protagonismo de Raúl. O meta cartaxeneiro aliouse co pau para frear a Renato no 11 e depositou o ataque en Solano para adiantarse no 12, atopando o espazo idóneo fronte a Giasson. Juanma Marrube pediu aos seus tranquilidade e orde e os laranxas non cesaron no seu asedio aínda que definitivamente Raúl volveu converterse no salvador para desartellar o empate fronte a Álex Diz, no 17 a pase de Javi Rodríguez, e no 18 con David Pazos nun contraataque de Renato.
Non puideron devolver táboas os burelistas na continuación, cunha grande intensidade. Matamoros e Pazos volveron ser os primeiros en merodear a rede local, tívoa Quintela de cabeza, pero foi Jimbee o que atopou o gol para ampliar distancias, co 3-1 (minuto 24), de Marinovic en estratexia, desde saque de esquina de Bebe. O Palacio dos Deportes viviu un ecuador do segundo acto de infarto. No 29, un mísil de Renato, desde balón parado de Matamoros, conseguiu reducir distancias co 3-2, pero antes de chegar ao 30, Cartagena ampliou por partida dobre de Waltinho, en estratexia primeiro e máis tarde en transición. Pescados Rubén non estaba disposto a baixar os brazos e respondeu no 31, con Iago Míguez culminando un centro de Giasson para o 5-3. O meta de Cartagena volveu conservar os intereses dos da casa con tres grandes arremetidas de Iago Míguez, Pazos e Loito; cando máis estaban sufrindo os de Duda aproveitaron a oportunidade de Avellino para poñer o 6-3 (minuto 34). Volveu estrelarse a avalancha galega fronte a Raúl, con Quintela e Matamoros, e de novo Jimbee reafirmou a súa eficacia, co letal Solano (minuto 36). Burela ratificou a súa coraxe sen deixar de pelexar e atopou o definitivo 7-4, con Giasson a falta de dous para o final.
Regreso da liga
Tras o descanso ligueiro da próxima semana, con calendario de seleccións, o Pescados Rubén Burela FS volverá á competición o sábado 6 de febreiro, coa visita de Córdoba Patrimonio de la Humanidad a Vista Alegre (18.30 horas).
Ficha técnica
Jimbee Cartagena FS: Raúl, Avellino, Franklin, Lucão, Solano, cinco inicial; tamén xogaron Bebe, Mellado, Andresito, Marinovic, Waltinho, Jesús, Fran Fernández
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, Giasson, David Pazos, cinco inicial; tamén xogaron Quintela, Lucho, Iago Míguez, Álex Diz, Javi Rodríguez
Goles: 0-1, minuto 7, Álex Diz; 1-1, minuto 7, Bebe; 2-1, minuto 12, Solano; 3-1, minuto 24, Marinovic; 3-2, minuto 29, Renato; 4-2, minuto 30, Waltinho; 5-2, minuto 5-3, minuto 31, Iago Míguez; 6-4, minuto 34, Avellino; 7-3, minuto 36, Solano; 7-4, minuto 38, Giasson
Árbitros: Blas Alonso // Romero Candela. Por Cartagena amarela para Marinovic. Por Burela amarela para Matamoros, Iago Míguez
Incidencias: Partido correspondente á xornada 18 de Primeira División Masculina disputado no Palacio dos Deportes de Cartaxena.