Foz, 22 de xaneiro de 2021. AciaFozCCA colabora coa Escola de Música Municipal cunha achega destinada á compra de instrumentos e accesorios para o centro, que conta con 200 alumn@s e 7 docentes.
Felipe Sánchez, director da Escola de Música Municipal de Foz, sinalou que “para a miña sorpresa e para sorpresa da Escola foi unha grata noticia que desde AciaFozCCA quixeran poñer ese grao de area e colaborar tamén cos recursos da Escola. É de estar moi agradecido. Paleo achegouse á Escola e comentoume que querían apoiar as iniciativas da Escola, que vían o potencial que tiña e que querían aportar unha pequena axuda. E, tendo en conta as necesidades que tiñamos, distribuímos esta axuda entre varias especialidades, entre violín, percusión, música e movemento e música moderna, un pouco quixemos suplir algún material que se precisara e agradecéndoo moitísimo. Entre ese material hai algún accesorio para os violíns, soporte para a barbilla do violín, algunha ponte, un prato que nos faltaba para unha batería, tamén trouxemos unha guitarra acústica para os grupos de música moderna, un amplificador, unhas campás para música e movemento e algunhas baquetas para xilófonos, cousas pequenas pero que a nós nos fan servizo e nos axudan a levar a cabo mellor o traballo”.
O director do centro referiuse tamén ao apoio do Concello: “non só é bo a nivel material senón tamén de persoal. É moi importante o apoio do Concello para nós e tamén a nivel de instalacións. A Escola medrou moito, somos 200 este ano, mantémonos máis ou menos como nestes anos atrás, é importante porque as infraestruturas son un pouco limitadas, pero é importantísimo o apoio do Concello e, neste caso, AciaFozCCA tivo tamén un detalle moi bo con nós”.
A Escola de Música Municipal de Foz conta con sete docentes e oito especialidades: “temos percusión; vento-madeira, que sería clarinete, saxo e frauta; vento-metal, violín, guitarra e piano; e tamén a materia de música e movemento, enfocada a nenos e nenas entre 4 e 8 anos”.
Sobre a organización do traballo na Escola de Música Municipal de Foz o seu director, Felipe Sánchez, explicou que “na situación actual, debido á pandemia, non é fácil impartir as materias. As ensinanzas individuais é máis sinxelo porque con manter as distancias de seguridade, incluso para instrumentos de vento cunha mampara protectora, se poden impartir sen ningún problema, xa que as aulas dan a distancia como para que dúas persoas estean co protocolo establecido. Pero o problema son as materias grupais, xa que precisan duns espazos moi amplos para levarse a cabo con todas as garantías, entón temos que desprazarnos a instalacións fora da Escola para poder impartir, por exemplo, as clases de coro, as clases dos grupos de música moderna ou os grupos de pre banda, banda infantil e banda adulta tamén. Iso si que nos trastoca un pouco o habitual funcionamento porque temos que coller o material, achegalo ao local e o profesorado ten que estar desprazándose da Escola a un local e a outro para impartir as clases, pero facémolo coa mesma ilusión e as mesmas ganas de seguir facendo o traballo e intentar transmitirlle aos alumnos o entusiasmo que a nós nos leva facer este sacrificio”.
Sánchez subliñou: “é moi importante o apoio institucional e estamos moi agradecidos da que a Acia faga isto. Non é só un xesto económico senón que indica que valoran o traballo que se está a levar a cabo na Escola e a labor do equipo deste centro”.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, manifestou que “desde AciaFozCCA seguimos colaborando con distintos colectivos culturais, deportivos e sociais. Esa é a base para impulsar o noso pobo. E nesta nova colaboración son 200 alumnos ou familias. Desde o comercio e desde a hostalería estamos observando o incremento de compras nos nosos negocios, ademais os membros da Escola de Música Municipal son embaixadores permanentes do noso pobo, así como das distintas actividades e actuacións que fan ao longo do ano”.
Paleo engadiu: “queremos felicitar a esa gran familia que forman alumnos e profesores. Xuntos mais fortes, o comercio fai pobo”.