Burela, 14 de xaneiro, 2021. As Guerreiras Laranxas non poderán estrear a segunda volta este sábado coa visita do AD Alcorcón FSF (18.30 horas). Así o resolveu o Xuíz de Competición da RFEF, tras a solicitude do equipo alfareiro polo temporal de neve.
O da xornada 10 de Primeira Feminina en Vista Alegre é un dos 20 partidos afectados, tras as solicitudes recibidas na RFEF “de clubs adscritos ás diversas categorías de fútbol sala interesando a suspensión dos seus partidos debido ao mal estado en que se atopan os pavillóns de xogo e á imposibilidade de realizar adestramentos e de celebrarse os encontros nas condicións mínimas esixidas”.
Aínda que Galicia non foi unha das zonas máis danadas polo temporal Filomena, si o foi a comunidade de Madrid. A RFEF xa acordou a suspensión de varias citas de fútbol sala a fin de semana pasada a causa da imposibilidade de disputarse como consecuencia da neve que azoutou a gran parte do noso país, nuns casos, e polas medidas restritivas decretadas polas autoridades municipais ou autonómicas derivadas do COVID-19, noutros.