Viveiro, 12 de xaneiro de 2021. A Policía Local de Viveiro estableceu e incrementou durante o Nadal dispositivos especiais de control e vixilancia das medidas para frear a propagación da COVID-19, e en ocasións, de maneira conxunta co Corpo Nacional de Policía.
Intensificouse a vixilancia en diversos sectores e ámbitos, en especial naquelas horas punta nas que se prevía aglomeración de persoas, e de cuxos resultados se informa á Subdelegación do Goberno e á Xunta de Galicia.
Durante o período do Nadal e ata o día 10 do presente mes levantáronse un total de 69 actas de denuncia: Restricións á mobilidade territorial (16 actas), agrupacións de persoas (8 actas), o uso da máscara (23 actas), fumar na vía pública sen garantir a distancia de seguridade (14 actas), consumo de alcol na vía pública (2 actas) e medidas na hostalería (6 actas), completan un resultado do labor policial nas datas de Nadal, aínda que a intensificación da vixilancia e dispositivos nas vindeiras datas continuarán marcando o principal labor da Policía Local.
O último suceso produciuse, nun operativo conxunto coa Policía Nacional este domingo, cando os axentes, grazas á colaboración veciñal, detectaron un establecemento de hostalaría aberto ao público con persoas no seu interior.
Nos establecementos de restauración, na actualidade, non está permitida a apertura do interior do local, soamente as terrazas, e nun aforo do 50%. A pesar diso, o establecemento en cuestión estaba aberto ás nove da noite, con oito persoas no seu interior, todas elas agrupadas e sen facer uso da máscara respiratoria. Procedeuse á formulación de todas as actas correspondentes e ao desaloxo do local.
A Policía Local quere lembrar que, tal e como indican as autoriadades sanitarias, este tipo de condutas supoñen un grave risco de contaxio para a propagación do virus Sars Cov-2.
A pesar de que os comportamentos xerais da poboación de Viveiro son de responsabilidade, quérese facer un chamamento á colaboración coa Policía e coas autoridades sanitarias no cumprimento das normas.