Lugo, 8 de xaneiro de 2021. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo patrocina a final da Supercopa de Fútbol Sala Feminino que se disputará mañá ás 12.00 horas en Burela entre o equipo local, o Pescados Burela FS, e o Poio Pescamar. O deputado de Deportes, Efrén Castro, participou esta mañá na presentación oficial do encontro no Concello de Burela xunto ao alcalde Alfredo Llano , o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol Pablo Prieto.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos desde o primeiro momento a proposta do Burela FS de organizar a final da Supercopa polo que ten de recoñecemento ao traballo do club e sobre todo ao deporte feminino”, explicou o deputado de Deportes, que loubou a exitosa traxectoria das xogadoras laranxas e a aposta do club mariñao pola profesionalización do equipo feminino cun convenio colectivo pioneiro no deporte estatal.
Efrén Castro tamén sinalou o potencial que este tipo de eventos teñen de cara “a promoción económica e turística de Burela e da Mariña pola atención mediática que reciben, unha ”.
A Real Federación Española de Fútbol comunicou hoxe que mañá ás 9.00 horas se porán á venda 200 entradas para o encontro, que poderá seguirse en directo a través da canle pública Teledeporte (12.00 horas)
A área de Deportes achega 10.000 euros á organización da final en Burela a través dun contrato de patrocinio coa Real Federación Española de Fútbol.Será a cuarta ocasión na que o pavillón de Vista Alegre sexa escenario dunha final estatal, despois de acoller nos últimos anos tres finais da Copa de España e da Copa da Raíña.
O Burela FS opta a revalidar a Supercopa e pechar a temporada 2019-2020 cos tres títulos estatais xa que as guerreiras laranxas contan xa cos de Liga e Copa. Precisamente, a final reedita o encontro que Burela FS e Poio Pescamar xogaron o pasado 20 de decembro pola Copa da Raíña. De gañar, as burelás sumarían a terceira Supercopa ao seu palmarés.