Cervo, 7 de xaneiro de 2021. A delegada de Educación, Dolores García Caramés, entregou estes días, por quendas e seguindo un estrito protocolo de seguridade e hixiene, as axudas para a adquisición de libros e material escolar para as familias do alumnado de Educación Infantil (2º ciclo) dos dous centros do municipio nos que se imparte este ciclo educativo, o CEIP Península da Paz e o CEIP de Cervo -coas que se cubre este tramo educativo, que era o único que non contaba con ningún tipo de axuda pública-.
A edil apuntou que “dispuxemos dunha partida orzamentaria de 8000 euros para estas axudas e cada escolar recibirá un máximo de 130 euros en función da renda familiar”.
Esta liña de axudas vén sumarse a outras que o Concello de Cervo convoca ano tras ano en beneficio das familias e da educación, como poden ser as axudas de transporte, ou as axudas ás ANPAS ou aos centros escolares; que se foron entregando durante o mes de decembro.