BURELA (FNC) ._ O barco museo Reina del Carmen formará parte da Asociación de Museos Marítimos Españoles, segundo ven de anunciar o concelleiro de Industria, Comercio e Turismo, José González Legazpi.
O edil nacionalista di que “resulta evidente que non chega con que os recursos turísticos e culturais dun Concello existan, senón que deben valorizarse constantemente para dotalos da necesaria importancia, recoñecemento e singularidade. Dende este posicionamento a Delegación de Turismo do Concello de Burela ven traballando de forma intensa e constante e así, se o pasado ano 2008 o barco museo Reina del Carmen recibía a súa catalogación museística por parte da Consellería de Cultura da Xunta e recentemente formaba parte do Proxecto Fénix levado a cabo pola Sociedade Galega de Educación Ambiental, e mesmo tiña presenza nos medios informativos e formativos de ámbito nacional e internacional, sendo tamén recentemente integrado no proxecto de Turgalicia denominado Turismo Mariñeiro, conforme a ese traballo de valorización constante que se esta a desenvolver dende a Delegación de Turismo, compre logo agora informar da súa inclusión na Asociación de Museos Marítimos Españoles”.
González Legazpi explica que “o proxecto que se está a realizar dende o Museo Marítimo de Barcelona para o seu desenvolvemento dende a Asociación de Museos Marítimos Españoles representa unha nova posibilidade de potenciación do turismo vinculado ao coñecemento e goce dentro do ámbito de transcendencia mariñeira. De tal xeito que resulta positivo e interesante para o Concello de Burela, en tanto que xerará con toda seguridade novas posibilidades de turismo, condicións de coñecemento e incluso a práctica do medio mariñeiro de acordo cos recursos do noso Concello”.
O concelleiro de Turismo engade que “o Concello de Burela avanza de forma significativa na súa consecución de destino turístico dentro da comarca da Mariña, e a inclusión do barco museo Reina del Carmen no programa do Museo Marítimo de Barcelona e na Asociación de Museos Marítimos Españoles, afianza estas condicións de influencia e potenciación. En definitiva dende o Concello de Burela estanse a valorizar os recursos de forma determinante e aplicando as máximas condicións de desenrolo porque son estes os parámetros que nos están dando referencias positivas e os que nos traerán sen dúbida potencialidade turística e cultural e por conseguinte desenvolvemento socioeconómico”.