Cervo, 21 de decembro de 2020. O rexedor, Alfonso Villares, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, inaugurou o obradoiro de emprego “Sendas de Burela, Cervo e Xove VII”, que comeza este mes de decembro, e que se prolongará durante 9 meses.
O Concello de Cervo promove neste ocasión este taller compartido subvencionado pola Xunta de Galicia cunha aportación de 346.946 euros, no que se formarán 20 persoas desempregadas -7 alumnos/as en Cervo, en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería-.
Villares quere destacar a gran importancia deste obradoiro á hora de mellorar e acondicionar as zonas verdes e os espazos públicos do Concello. O rexedor explicou que os traballos centraranse fundamentalmente no acondicionamento do parque Reina Sofía en San Ciprián e o parque das Lobeiras e o municipal en Cervo; as zonas verdes e infantís en A Veiga, a continuación coa creación e mellora dos xardíns da Atalaia; a contorna da Antiga Fábrica de Salazón e a Ponte Medieval de Lieiro; a zona verde do Campo da Feira e a Praza do Souto; a área recreativa das Antigas Fábricas de Sargadelos e farán tamén diferentes traballos de roza, poda ou plantación de especies de tempada.
Villares destacou a importancia que ten neste caso a colaboración institucional que “nos permite impulsar, grazas á inversión da Xunta de Galicia, este tipo de programas que contribúen enormemente a mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación teórico-práctica de calidade da man de profesionais cualificados”.
Este tipo de cursos formativos –engade- “dota aos participantes de ferramentas que lles permiten reforzar os seus coñecementos, e adquirir novas competencias nun oficio que ten proxección práctica na nosa zona e unha formación que pode impulsar tamén o emprendemento para poder iniciar os seus propios proxectos”.