Burela, a 21 de decembro de 2020.- Dende o PP de Burela alégranse ao comprobar que os autónomos de Burela, que así o solicitaron, xa comezaron a percibir, a semana pasada, as axudas destinadas a estes, e anunciadas para tal fin polo Goberno Autonómico, hai pouco máis dun mes. “Como poden comprobar os veciños de Burela, a capacidade de xestión, a eficiencia e a solvencia seguen a ser tres dos puntos fortes do PP”, manifestan.
Pola contra, “asistimos con gran pesar á vergoñenta situación que están a padecer os mesmos autónomos de Burela que aínda non recibiron nin un céntimo dos 125.000 euros anunciados no seu día polo Sr. Llano, e que con posterioridade se quedaron en apenas 50.000 euros, tal e como xa anunciaramos en diversas ocasións dende a nosa formación”, indican fontes do PP burelés.
E continúan: “hai que lembrar que, a esta partida de axudas municipais, xa se lles dera o visto bo hai uns 3 meses pero como se pode comprobar, tal e como denunciamos dende o PP ao longo de todo o ano 2020, parece que o Sr. Llano e o seu equipo van a facer desa actitude descansada de cara ao traballo a súa premisa para este mandato”.
“Se a isto se suma unha nova mentira sen pudor do socialista, que en diversas ocasións anunciou ao longo deste ano, unha reforma das ordenanzas fiscais que finalmente non levou a cabo, a pesares das reiteradas peticións feitas polo Grupo Municipal Popular mediante diversas mocións presentadas no seu día, o futuro dos autónomos da nosa vila, tórnase incerto”, aseguran os populares.
350.000 euros se o alcalde non se “durme nos loureiros”
Por outra banda, os populares manifestan estar “gratamente sorprendidos pola modificación das bases do Plan Único de cara ao vindeiro ano para que, por exemplo en Burela, se podan destinar arredor de 350.000 euros para dinamizar sectores moi afectados pola pandemia como son o turismo, o comercio e a hostalaría”. Pero aclaran, “outra cuestión será se o executivo local socialista do Sr. Llano, será quen de facer chegar esta cantidade aos sectores mencionados, durante o vindeiro ano, xa que os antecedentes, como xa dixemos, non son moi favorables”, conclúen os populares.