Viveiro, 20 de decembro, 2020. A parella, residente en Laponia, visitou a vila para supervisar as actividades de Nadal e gravar un vídeo para todos aqueles nenos nenas que decidan participar na gincana ‘tras os pasos do Elfo’ e deixar as súas cartas no buzón situado no Hall do Teatro Pastor Díaz.
O vídeo, ideado e dirixido pola concelleira de cultura Lara Fernández Fernández-Noriega, foi gravado en colaboración con BL Eventos que se encargou da caracterización das personaxes e a colaboración altruísta de Guillermo Barreiro Suárez que se encargou da gravación e montaxe da peza audiovisual.
Desde a delegación de cultura remarcan que ‘este ano dadas as dificultades para realizar eventos multitudinarios, a delegación de cultura decidiu apostar por accións que puidesen chegar a todos os nenos e nenas de Viveiro a través da Internet para que non perdan a ilusión e seguir fomentando a maxia do Nadal”
Con este motivo desenvolvéronse dous proxectos dixitais ‘Postais Reais’ e ‘Tras os pasos do Elfo’:
Postais Reais é un portal para enviar as cartas aos Reis Magos que ten como peculiaridade que todas as misivas que cheguen antes do 28 de decembro obterán unha resposta por parte das Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente. Quen o desexe pode participar a través da web www.postaisreais.com
Tras os pasos do Elfo é unha xincana que mestura o dixital e o analóxico e que levará aos participantes a través dun percorrido polas rúas de Viveiro ata o o Buzón de Papá Noel. O xogo consta de 6 probas que inclúen puzzles, quebracabezas, xogos de memoria, obxectos ocultos etc. O acceso a cada porta farase a través dun código que os participantes atoparán en distintos lugares de Viveiro. O mapa da acción sairá publicado na web www.ospasosdoelfo.com o vindeiro luns 21 de decembro. O Buzón de Papá Noel, creado para a ocasión pola Asociación de Comerciantes Casco Histórico de Viveiro en substitución da tradicional casiña de Papa Noel, estará situado na meta da gincana, Hall do Teatro Pastor Díaz, onde un par de Elfos recibirán aos nenos e nenas que queiran achegar as cartas cos agasallos de Nadal desde o luns 21 de decembro a partir das 17:00 horas e ata o 24 de decembro en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00.