Lugo, a 16 de decembro de 2020. A falta de previsión e de implicación do goberno da Deputación, presidida polo socialista José Tomé, fai temer no PP que, unha vez máis, á provincia sufra as consecuencias da improvisación en materia de turismo o próximo ano, que será ano Xacobeo. Así o indica o portavoz popular, Javier Castiñeira, que avisa de que “hai risco de que nos colla de novo o touro nun ano tan importante para a saída da crise, o que sería absolutamente inadmisible”. Os populares demandan “máis diálogo co tecido produtivo turístico da provincia, porque non é suficiente e toda a estratexia ten que estar enmarcada no diálogo co sector: con empresas, con asociacións, con todas as entidades que participan na actividade turística da provincia”.
Castiñeira explica: “Despois da máis recente reunión da Comisión Provincial de Turismo, celebrada a semana pasada, na que o goberno da Deputación fixo balance do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o PP chega a unha conclusión moi clara: o goberno provincial debe mellorar moito a xestión do turismo e sobre todo debe falar moito máis co sector, con todos aqueles que traballan no turismo da provincia, empresas e asociacións, que teñen que ser escoitadas e sobre todo á hora de elaborar o novo Plan Estratéxico”.
O portavoz provincial dos populares di: “Hai que ter en conta que o 2021 será moi importante para a provincia e para toda Galicia; é ano Xacobeo, e ten que ser o ano da recuperación económica e a provincia de Lugo ten que estar preparada turisticamente para enfrontarse a esa etapa, con moitas máis garantías das que ofrece hoxe o goberno provincial”.
No PP consideran que é moi mellorable a xestión turística. Castiñeira sinala: “É sabido que hai instalacións propiedade da Deputación que están abandonadas, pese a ter un alto potencial turístico, situadas en zonas moi boas. Todo o mundo sabe como está Augasmestas en Quiroga, que leva anos pechada; os clubs náuticos da Deputación en Portomarín e en Chantada. Queremos que se inicie a temporada con eses centros activos. O turismo fluvial é fundamental para a provincia de Lugo, e especialmente para a zona interior. Demandamos máis diálogo co sector, co tecido produtivo turístico da provincia”.
O portavoz popular di: “Para o PP, o balance da xestión do goberno da Deputación é negativo. É necesaria máis implicación e máis previsión para o próximo ano; hai risco de que nos colla de novo o touro”.