Mondoñedo, 14 de decembro, 2020. Miguel Cavadas Docampo, veciño de Vigo, foi o gañador do XXI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado polo gañador, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Adagio.
O xurado destacou nos versos de Adagio a súa capacidade para “formular unha estética que abala entre o evocativo e o amatorio, chea de imaxes sorprendentes e atrevidas, que xoga habilmente coa mestura de referencias cultas e imaxes cotiás para facer avanzar unha historia fondamente pasional”.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra Catro notas arredor desta caixa para despois, da que é autor Quico Valeiras, do Carballiño.
Neste caso, o xurado sinalou que en Catro notas arredor desta caixa para despois “salienta a súa habelencia para crear un diálogo feraz con referentes da poesía galega actual como Chus Pato ou Luz Pichel, conseguindo construír un artefacto literario inzado de ecos e resonancias no que o verso está ao servizo da intervención social e desdebuxa os lindes entre o lírico e o ensaístico”.
Adrián Maceda Fernández acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra Cinco anticipacións a un corazón caído. Adrián Maceda é do Saviñao.
Respecto de Cinco anticipacións a un corazón caído o xurado estimou “a incorporación dos códigos do amor cortés e doutros referentes da tradición para actualizalos nun novo territorio amoroso inzado de imaxes delicadas e asemade ousadas nas que as alusións metapoéticas tamén son frecuentes”.
A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro a partir das 11.15 horas da mañá segundo o seguinte programa:
Ás 11.45 horas; Recepción oficial na entrada do Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Ás 12.00 horas; Entrega de Premios do XXI Certame de Poesía Díaz Jácome no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto ao aforo e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.