Foz, 14 de decembro, 2020. O pasado sábado na Sala Bahía de Foz, o grupo teatral “O Centiño” de San Martiño organizou unha gala solidaria para recadar fondos para as persoas que o necesiten. O grupo estreou a súa nova obra, ambientada, precisamente, na época da corentena polo Covid-19, titulada “Vaia faena, a corentena!”. A trama desenrólase nun patio dunha comunidade de veciños, cheo de balcóns, dende onde cada veciño expresa as súas preocupacións, os seus enfados, as súas ansiedades, as súas aprendizaxes durante a corentena. No acto tamén actuou o monologuista de Lourenzá Noé Recalde, que presentou o seu novo monólogo “Vinte e catro horas sen taberna”.
A Sala Bahía rexitrou un cheo total, considerando as limitacións de aforo que impón a situación epidemiolóxica. Foi unha obra divertida, na que a xente o pasou ben. Recadáronse máis de 500 euros, que recolleron os representantes de Cáritas para poder levar a cabo o seu importante labor.