Ferrol, 11 de decembro de 2020. A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, trasladou hoxe ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao o apoio do Goberno de España para afrontar os importantes retos que encara o porto, segundo destacou no acto de toma de posesión de Indalecio Seijo.
Na súa intervención, Pilar López-Rioboo tivo palabras eloxiosas para o presidente saínte, José Manuel Vilariño, e para a súa xestión durante os sete anos ao fronte da Autoridade Portuaria e lembrou que a pesar das actuais circunstancias adversas foi capaz de cumprir os obxectivos do plan de empresa, incluso con cifras récord en tráfico de mercadorías. “Sen dúbida, é algo froito da túa maneira de entender a xestión, sempre conciliadora, responsable e colaboradora, algo que é especialmente importante nos tempos que vivimos”, sinalou.
López-Rioboo destacou que os retos que ten ante si o novo presidente son grandes pero remarcou que na súa andadura non estará só xa que contará co apoio do Goberno de España e de Portos do Estado. “As inversións actuais son proba delo porque permitirán situar ao porto en disposición de afrontar o seu futuro con novas perspectivas”, afirmou, para recordar neste senso o esforzo inversor estatal do novo acceso ferroviario.
“Sabemos que as potencialidades do porto de Ferrol San Cibrao son enormes, tanto para a captación de actividades loxísticas coma para o asentamento de empresas e industrias. É un futuro apasionante e require máis ca nunca do traballo conxunto e coordinado de tódalas administracións”, detallou a subdelegada para poñer coma exemplo de cogobernanza á Autoridade Portuaria.
Pilar López-Rioboo rematou a súa intervención facendo súas as palabras de José Manuel Vilariño para indicar que “todo o ben que lle vaia á Autoridade Portuaria será tamén o propio beneficio de Ferrol e por extensión da Coruña e Galicia”.