Viveiro, 11 de decembro, 2020. Esta fin de semana celébrase a novena e derradeira etapa do “Camiño Gastronómico do Mar”, as xornadas gastronómicas promovidas pola Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo que desde comezos de outubro veñen percorrendo a costa norte de Galicia ofrecendo receitas de catro das especies pesqueiras máis representativos da lonxa de Burela: pescada do pincho, peixe espada, xurel (chicharro) e peixe sapo.
Os peches da hostalería nas últimas semanas trastocaron o plan previsto, que era celebrar esta etapa final tamén no Concello de Narón para enlazar co Camiño Inglés, pero finalmente só terá lugar no Concello de Neda, facendo parada no restaurante Harina & Brasa, que ofrecerá peixe sapo e pescada do pincho de Burela nas súas receitas: “Pizza Camiño do Mar con Pescada do Pincho de Burela” e “Rape á brasa con salsa de pementos de piquiño”.
A campaña, que se organiza en colaboración coa “Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela” e Armadores de Burela, ten un triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camino del Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camino Inglés a Compostela.
O Camiño celebrouse durante nove fins de semana e consiste na degustación de catro das especies máis representativos das frotas pesqueiras de OPP Lugo, que teñen lugar en dous restaurantes de cada un dos quince concellos polos que circula o “Camiño do Mar”, desde Ribadeo ata Neda: nuns ofrecen pratos de pescada do pincho e xurel; e noutros receitas de peixe espada e peixe sapo.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.