Cervo, 4 de decembro de 2020. O Concello de Cervo, a través da delegación de Patrimonio, apoia nova sondaxe arqueolóxica promovida pola asociación Mariña Patrimonio nunha parcela municipal situada no Parque Empresarial de Cuíña.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés, achegáronse ata a zona onde, da man de Manuel Miranda e dos técnicos do Gabinete de Arqueoloxía que se encargan do traballo, puideron coñecer in situ o alcance dos traballos.
A través desta prospección facilitada desde o Concello de Cervo tratan de identificar e contextualizar restos de cerámica achados na zona; e que tal e como apuntan, e logo dunha primeira toma de contacto, parece que son cuantiosos; co fin de “valorar a potencialidade e o interese arqueolóxico desta pacela”.
Villares e Caramés puxeron en valor o gran traballo que desempeña a asociación Mariña Patrimonio, cuxos achados contribúen a enriquecer e potenciar os nosos valores históricos; que é tamén un recoñecemento aos nosos antepasados.