A Pontenova, 3 de decembro de 2020. O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, denunciou este xoves novamente o abandono sanitario que sofre o Concello “cun só medico para atender aos 2.300 veciños”, criticou.
“Esta mesma mañá varios veciños acercáronse ao Concello para trasladarnos o seu malestar diante da política de recortes que sofren por parte do PP no eido sanitario na Pontenova, xa que novamente volvemos a estar cun só medico. E hoxe, o primeiro que chegou ao centro de saúde atendeu aos pacientes a partir das 9:30 da mañá”, sinalou o rexedor.
É preciso lembrar que no centro de saúde da Pontenova “o Goberno de Feijóo suprimiu unha praza das tres que había, e agora, durante esta mesma semana, só hai un sanitario para atender a toda a poboación, que viven e traballan no rural lucense. Así é como incentiva o PP as nosas vilas e as nosas aldeas, recortando servizos esenciais como é a sanidade”, espetou Campos.
Iniciativas no Parlamento
Ademais o rexedor lembrou tamén que o Grupo Parlamentario Socialista xa rexistrou diversas iniciativas na Cámara Autonómica, a través da Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, para instar ao Goberno de Feijóo a garantir unha correcta atención primaria no concello de A Pontenova, cubrindo as prazas do persoal médico cando estes se atopen de baixa ou de vacacións.
A sanidade non se toca
“Cada xornada que falle un médico no centro de saúde da nosa vila denunciáreno publicamente, porque entendo que como Alcalde da Pontenova teño que defender por riba de todo, os intereses de toda a veciñanza, sen exclusión. E a sanidade é un piar fundamental de calquera sociedade. Merecemos uns servizos públicos, dignos e de calidade. Por iso o PP sempre me terá enfronte, porque a sanidade non se toca”, resumiu o Alcalde.