Lugo, 3 de decembro de 2020. A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, avanzou hoxe que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou o pasado mes de novembro, diversas iniciativas para instar á Xunta de Galicia a que habilite na maior brevidade, no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro, un espazo propio e digno como sala de agarda para as mulleres maltratadas que comparecen nel. Trátase dunha carencia que denunciaron en abril de 2019 os propios funcionarios de Xustiza, e que malia as promesas da Xunta non foi solventada a día de hoxe.
Nesa liña lembra que “o pleno ordinario do Concello de Viveiro, aprobou por unanimidade, unha moción presentada por todos os grupos da corporación para esixir a posta en marcha de xeito inmediato desta sala de agarda do Xulgado de Violencia contra a Muller para as vítimas de agresións machistas que queren denunciar os seus agresores”.
Otero remarca, na proposición rexistrada, que o Grupo Parlamentario Socialista xa se fixo eco desta reivindicación a través dunha pregunta en sede parlamentaria, interpelada ao Vicepresidente, Alfonso Rueda, en maio de 2019. E aludiu á resposta dada sobre este asunto, na que anunciou “que a Xunta de Galicia habilitaría no Xulgado de Violencia sobre a muller de Viveiro un espazo digno como sala de espera para as mulleres maltratadas que comparezan no xulgado nos vindeiros meses, antes de rematar o ano 2019”.
A Deputada Autonómica replica que en maio do 2019 “xa lle reclamabamos ao Goberno de Feijóo que era urxente habilitar unha sala propia e digna no xulgado, un espazo que ofreza anonimato para evitar a súa exposición pública nos corredores destas dependencias. Evitando así que se poidan cruzar cos seus agresores, ademais de ter unha certa comodidade, pois o trámite da denuncia pode durar varias horas”.
Non pedimos milagres, reclamamos o que é de xustiza
Así as cousas Otero denuncia a política de propaganda do PP sobre este tema, pero sobre todo a pouca sensibilidade amosada polo executivo de Feijóo cara ás vítimas de violencia de xénero. “A día de hoxe, máis dun ano e medio despois daquel anuncio en sede parlamentaria, o xulgado de Viveiro carece desta sala. Non pedimos milagres, reclamamos o que é de xustiza. Que unha persoa que acuda ao xulgado de Viveiro para denunciar un caso de violencia de xénero, poida facelo con tódalas garantías. Demandamos dignidade e atención as vítimas”, resumiu.