Burela, 2 de decembro, 2020. A AGAL fixo público o vídeo da lectura continuada do Scórpio, o derradeiro romance publicado por Ricardo Carvalho Calero (1997). No audiovisual chama a atención da nutrida presenza de participantes da Mariña, en parte debida á colaboración da intervención educativa Modelo Burela.
O evento de lectura continuada estaba destinado a festexar as Letras Galegas de 2020 e ía decorrer no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela o día 30 de outubro, mais tivo que ser cancelado pelo feche perimetral da cidade. Como alternativa, a entidade organizadora decidiu convidar a comunidade lectora a participar desde a casa gravando en vídeo un fragmento da obra.
A Mariña, tan querida por Don Ricardo Carvalho e Dona María Ignacia Ramos (que pasaban unha parte do ano en Foz), está moi ben representada no listado de 99 participantes na iniciativa. A encargada de abrir as intervencións é Marga Cela Carballo, neta do escritor, asentada en Ribadeo; continúa o Reitor da USC, Antonio López, de Barreiros; seguido de Carme Cociña Cociña, de Xove, profesora no IES Monte Castelo, e de Dolores López Caión, burelá, funcionaria do sector sanitario no HULA.
Na colaboración do Modelo Burela, tras dúas horas e once minutos de gravación, as primeiras voces son as de Beatriz Botelho e Xoel Iglesias, estudantes no IES Perdouro. Inmediatamente despois é o momento de Anxo Díaz, Hugo Losada, Alejandro Bermúdez, Raquel Lopes, Idiana Mendes, Noémy Cardoso, Gerson L. Semedo e Taísa Gonçalves, estudantes de ESO e Bacharelato. Complétase a participación do Modelo Burela coas lecturas da asesora de comunicación Nilda Borges, do cineasta Matías Nicieza e de Miruca Parga (directora da revista Maruxía), Natalia Irimia (coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística), Neves Cando e Bernardo Penabade, docentes no IES Perdouro.
Xunto coa publicación do vídeo, a AGAL -entidade académica da que foi Presidente de Honra o profesor Carvalho Calero- enviou a cada participante un exemplar da obra, unha máscara e unha bolsa conmemorativa. A actividade contou co apoio económico da Deputación da Coruña e da Conselleria de Cultura e Educación. Colaboraron o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela e o Parlamento de Galicia.