Santiago de Compostela, 2 de decembro 2020. A deputada de Lugo, Patricia Otero, vén de acusar de “enchufismo” ao alcalde popular de Riotorto trala contratación da súa muller como titular dunha praza de administrativa no Concello. Otero levou unha pregunta á Comisión de Administración Xeral do Parlamento de Galicia.
A responsable socialista denunciou o procedemento levado a cabo no Concello de Riotorto, que convocou tres prazas no Concello. A responsable socialista incidiu en que “as bases non foron publicitadas” polo consistorio e “foron asinadas polo propio alcalde”, quen “permanece sen dar explicacións da contratación, ante un procedemento que está cheo dunha falla de ética sen precedentes na historia da vila”.
“Parécenos moi sorprendente que só se presentaran dúas persoas a esta convocatoria, cando o que se requirían era estar en posesión do título de EXB” tendo en conta que nunha convocatoria similar “nun concello próximo se presentaron 150 persoas”, aseverou a socialista.
Otero recalcou que, “nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, non é comprensible que unha praza destas características non fose publicitada no BOP nin nas redes sociais do propio Concello”, o que “dá a entender que canta menos xente decate da oferta, mellor”.
“Xa o dicía Fraga, os fillos do PP aproban as oposicións en Galicia porque son máis intelixentes, aínda que non sabemos se isto está demostrado cientificamente”, aseverou a socialista. Otero lamentou que na provincia de Lugo este sexa “un modus operandi habitual do PP”, cando algunhas administracións públicas dirixidas por dirixentes do PP “parecen máis ben empresas familiares”.
Otero instou á Xunta a respectar “os principios de igualdade, mérito e capacidade” nos procesos públicos de selección de persoal e a realizar “procesos abertos e transparentes”. Neste senso, esixiu “non normalizar os casos de enchufismo na administración pública”.