Foz, a 1 de decembro de 2020. O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, que lidera Javier Castiñeira, vén de pedir en pleno ao alcalde que cumpra o seu compromiso de baixar o tipo impositivo do Imposto de Bens Inmobles (IBI), co fin de axudar ao tecido socioeconómico do municipio, que tanto se está a ver afectado pola crise da covid-19.
O popular fixo esta petición, xa que “o 2021 vai a ser un ano complexo e non houbo ningún tipo de rebaixa dos impostos municipais”. “Cobráronse as taxas de ocupación das vías públicas aos hostaleiros como se fose un período normal, cobrouse a contribución aos autónomos nun momento no que precisaban un guiño deste goberno…..” E todo iso, indica Castiñeira, a pesares de que o executivo socialista prometeu neste mandato rebaixar a taxa impositiva da contribución; un aspecto, subraia, que chama a atención se se ten en conta que, “cando estaban na oposición, foi empregado para facer política. Agora, chegaron ao goberno e fan coma sempre, nada do que din”.
“Non pensan nos veciños”
Os populares interesáronse por este asunto na sesión plenaria, xa que de aplicarse esta redución debería de modificarse antes de que remate o ano a ordenanza fiscal que regula este imposto. “Vanse cumprir case dous anos e non se rebaixa ni un só imposto. Dedícanse a recadar e as alternativas que ofrecen pola contra son moi poucas”. Queda claro, por tanto, apunta, que “non pensan nos veciños e nas persoas que o están pasando mal”.
“Contrapeso ás políticas de Sánchez”
Dende este Grupo Municipal consideran que o Concello debe ser sensible á situación actual e realizar unha política fiscal adecuada aos tempos que corren, sendo “o contrapeso ás políticas do Goberno de Pedro Sánchez, consistentes na suba de impostos e na aplicación dun sablazo fiscal ás empresas e aos veciños de Foz”.
Ademais, sosteñen que, a actual crise económica que vive o país pola pandemia, fai máis necesario ca nunca que as corporacións locais asuman o protagonismo na realización de políticas fiscais orientadas a favorecer o mantemento e a creación de emprego.
Castiñeira sinala así que “a política fiscal deber ser unha ferramenta máis da política económica que permita, en momentos de dificultade, que os cidadáns teñan a maior renda dispoñible, fomentando con elo o consumo das familias e o investimento empresarial, que derivará, di, nun incremento da actividade económica”.