Lugo, 30 de novembro de 2020. Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 20 dispositivos na provincia de Lugo no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron controis en oito concellos da provincia na pasada fin de semana, nas que se rexistraron 33 identificacións.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 27 e o 29 de novembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os operativos leváronse a cabo nos municipios de Chantada, Guntín, Lugo, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba e Viveiro.
No conxunto da comunidade galega, os axentes realizaron 115 dispositivos nun total de 35 concellos, sumando 121 inspeccións, con 324 persoas identificadas e 50 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.