Burela, 30 de novembro de 2020. Nos vindeiros días a corporación municipal ten previsto abordar en Pleno a actualización das taxas e ordenanzas municipais que rexerán no 2021 como acostuman a facer todas as administracións locais a finais de cada ano.
Dende O Vencello queremos volver a denunciar a asfixia fiscal que os veciños, comercios e autónomos do noso municipio estamos a padecer.
No pasado mes de abril (en pleno confinamento) nos diriximos por escrito ao Goberno local para solicitarlle a inmediata rebaixa dos custes e das esixencias administrativas para tramitar algunhas taxas municipais, pero despois de sete meses aínda non tivemos ningún tipo de contestación oficial ao respecto da nosa reivindicación.
Os veciños de Burela estamos discriminados respecto doutros concellos da comarca en materia fiscal e -nalgúns casos- padecemos unhas taxas requisitorias como a referida á ocupación de vía pública con materiais destinados á construción (andamiaxes, colectores de entullos, etc…).
Dende o pasado mes de abril que denunciamos este abuso seguimos mantendo que os trámites esixidos polo Concello para esta taxa e custe que leva aparellado son abusivos e claramente discriminatorios en comparación co resto de concellos da Mariña.
-91 veces máis cara ca media dos outros concellos da Mariña-
Así por exemplo, o propietario dunha vivenda que necesite ocupar durante unha xornada de traballo 8 metros de beirarrúa para acometer a limpeza dos canalóns da súa casa en Burela vese na obriga de ter que pagar por oito días de ocupación (é o mínimo de días fixados por este concello para poder conceder o permiso). Ademais, tamén ten que presentar un Estudo Básico de Seguridade e Saúde firmado por un técnico acreditado.
Mentres, noutros concellos veciños coma Foz, Viveiro, Cervo ou Xove esta mesma taxa está estipulada por días (sen a obriga de ter que solicitala por un mínimo de oito xornadas) e tampouco é necesario presentar dito estudo técnico.
Deste xeito, o Concello de Burela cobra actualmente unha taxa de ocupación de 218€ pola ocupación de oito metros da vía por oito días de ocupación (prazo mínimo obrigatorio); mentres que o de Foz so cobra 1,20€/m e Viveiro 2,40€/m por día.
Como dicimos, esta diferencia tan avultada débese fundamentalmente a que a tramitación deste permiso no Concello de Burela esixe a presentación dun Estudio Básico de Seguridade e Saúde firmado por un técnico (150€+IVA aprox.) mentres que nos outros concellos non é preciso este documento; pero aínda eliminando este estudo técnico a taxa en Burela segue sendo claramente superior á de Foz ou Viveiro, xa que en Burela é obrigatorio solicitala por un tempo mínimo de oito días.
Este é so un exemplo da presión fiscal que estamos a padecer en Burela.
A isto hai que engadir tamén a máis que previsible suba doutros prezos públicos municipais, como o do lixo, derivado do novo contrato firmado entre o Concello e a nova concesionaria deste servizo.
Queremos lembrarlle a tódolos compoñentes da nosa Corporación que estes impostos témolos que soportar todos os veciños de Burela (autónomos, empresarios, asalariados… todos) e tralo acontecido coa paralización da economía pola pandemia do Coronavirus creemos que non é asumible nin xusto para o conxunto dos cidadán.
-Rebaixa asumible-
Pensamos que unha rebaixa da presión fiscal é perfectamente asumible, pois o noso Alcalde ten manifestado publicamente en varias ocasións que o Concello dispón dun superávit e remanente de tesourería, o que lles permitiría rebaixar os ingresos deste municipio, ingresos xerados a maior parte por cidadáns e clase traballadora.
Estamos inmersos en plana crise e restroceso da economía por mor da pandemia e creemos que será un escollo insuperable si a Corporación Municipal non ofrece a todos os veciños/as algunha rebaixa fiscal; unha chiscadela aos cidadáns para que poidamos ter un lixeiro respiro na nosa economía familiar.
Por iso, solicitamos novamente á Corporación Municipal que traballen en artellar mecanismos legais que permitan a rebaixa das taxas e impostos municipais para o conxunto dos veciños e veciñas de Burela e que materialicen esas medidas no Pleno de aprobación das novas taxas municipais como xa llo solicitamos hai sete meses.