SANTIAGO .- A Xunta de Galicia aprobou o Decreto para o plurilingüsimo no ensino, incrementar o importe do convenio entre Medio Rural e FEFRIGA e AFRICOR para a mellora da raza frisona e investimentos para mellorar a subministración eléctrica.
NOTA DE PRENSA:
A XUNTA INCREMENTA O IMPORTE INICIAL DO CONVENIO ENTRE MEDIO RURAL, FEFRIGA E AFRICOR PARA A MELLORA DA RAZA FRISONA
*
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dunha addenda ao convenio a tres bandas para desenvolver e financiar diversas actividades, dotada con 625.475,00 euros
#
O acordo parte do feito de que a produción leiteira galega está baseada na explotación de femias da raza bovina frisona, e que todos os criadores desta raza en Galicia son socios da Federación Frisona Galega (Fefriga)
O Consello da Xunta autorizou hoxe a Consellería do Medio Rural para a sinatura dunha addenda ao convenio de colaboración asinado o pasado 8 de xaneiro de 2010 coa Federación Frisona Galega (Fefriga) e as asociacións provinciais de control leiteiro (Africor) da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para a realización de probas para determinar a calidade xenética do gando vacún leiteiro, no desenvolvemento do Programa galego de selección e mellora da raza frisona. O importe total desta addenda é de 625.475,00 euros.
O obxectivo do convenio é regular as condicións de cooperación entre Medio Rural, Fefriga e as asociacións de control leiteiro na tarefa de determinar e mellorar a calidade xenética do gando vacún frisón de Galicia, tendo en conta que a produción láctea galega está baseada na explotación de femias da raza bovina frisona e que todos os criadores desta raza na nosa Comunidade Autónoma son socios de Fefriga e teñen os seus animais inscritos no libro xenealóxico que xestiona esta federación.
O convenio de colaboración foi asinado por un importe de 700.000,00 euros para o mantemento das actividades que vai desenvolver Fefriga e vese reforzado con esta addenda para os traballos de control de rendemento leiteiro que desenvolverán as catro Asociacións provincias de frisona para o control de rendementos.
Competencias
Pola súa banda, a Federación Frisona Galega (Fefriga) leva a representación e defensa dos intereses dos gandeiros galegos, xestiona o libro xenealóxico da raza frisona en Galicia e participa activamente no desenvolvemento do Programa galego de transferencia embrionaria e na selección de femias de élite doadoras de embrións.
Por último, no que atinxe ás asociacións de control leiteiro (Africores), estas encárganse de planificar e desenvolver as actuacións de control leiteiro oficial.
—
A XUNTA GARANTE INVESTIMENTOS DE ATA 37 MILLÓNS DE EUROS PARA A MELLORA DA SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA QUE BENEFICIARÁN A MÁIS DE 1 MILLÓN DE GALEGOS
*
# O Consello autoriza a sinatura dun novo convenio coas eléctricas que permitirá levar a cabo obras que, sumadas ás recollidas no convenio asinado en marzo, afectarán a 242 concellos de Galicia das catro provincias
# O obxectivo último da Consellería de Economía e Industria é garantir a mellora do servizo, sobre todo nas zonas rurais, e dotar dunha maior calidade de vida os galegos
Este último convenio autorizado hoxe permitirá ao departamento de Javier Guerra apoiar as obras nun 30% no caso das grandes empresas e nun 40% no caso das pequenas e medianas empresas
A Consellería de Economía e Industria garante investimentos de ata 37 millóns de euros destinados a actuacións de mellora da calidade da subministración eléctrica nos concellos galegos durante este ano 2010 e o 2011. O Consello da Xunta vén de autorizar a sinatura dun novo convenio entre o departamento que dirixe Javier Guerra e as empresas eléctricas que mobilizará un orzamento global de 12,7 millóns de euros, e que se une así aos 24,2 millóns de euros de investimento que recollía o convenio que se asinou o pasado 30 de marzo en Santiago.
A Xunta de Galicia garante, deste xeito, actuacións de mellora da calidade do subministración eléctrica na meirande parte dos concellos galegos co obxectivo último de beneficiar a poboación, sobre todo dos núcleos rurais, e levar a cabo accións de mellora na rede de distribución, e a optimización da calidade de subministración de enerxía eléctrica. Os dous acordos permitirán actuacións en aproximadamente 242 concellos que beneficiarán unha poboación de 1 millón de galegos.
Este último convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta permitirá á Consellería de Economía e Industria apoiar as obras amparadas por este novo documento nun 30% no caso das grandes empresas e nun 40% no caso das pequenas e medianas empresas.
As actuacións previstas neste novo convenio súmanse ás que se recollían no convenio asinado en marzo polo conselleiro de Economía e Industria coas eléctricas, e os dous acordos permitirán levar a cabo obras en aproximadamente 242 concellos galegos para a mellora do servizo eléctrico que repercutirán de xeito directo nunha maior calidade de vida para máis de 1 millón de galegos.
As accións encamiñadas a garantir a mellora da calidade da subministración eléctrica son un obxectivo prioritario do Goberno da Xunta e da Consellería de Economía e Industria, e as recollidas neste convenios supoñen un notable incremento con respecto ás obras levadas a cabo no periodo anterior.
Con estas actuacións, o Goberno galego traballa para impulsar melloras que aumenten a calidade das infraestruturas e servizos, e polo tanto a calidade de vida en todos os concellos de Galicia, porque é fundamental incentivar a mellora da calidade dos servizos eléctricos que as compañías prestan aos galegos para asegurar o axeitado desenvolvemento das nosas vilas e cidades e o respecto aos dereitos dos consumidores, garantindo a mellora continuada dos servizos de subministración enerxético.
—
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO PARA O PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA
O Goberno galego aprobou o Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia na reunión do Consello da Xunta celebrada hoxe.
Con este novo marco educativo, a actual Xunta de Galicia leva adiante o seu compromiso de garantir a competencia plena nas dúas linguas oficiais, a través dun equilibrio cuantitativo e cualitativo de galego e castelán en todas as etapas escolares. Ao mesmo tempo, aposta polo coñecemento progresivo de lingua(s) estranxeira(s), unha materia pendente do sistema educativo para formar o alumnado nas necesidades sociais e laborais do século XXI.
Ademais, o Decreto para o plurilingüismo favorece a participación e colaboración das familias na definición do marco lingüístico educativo e promove a lingua galega, co fin de favorecer a súa adquisición por parte de toda a comunidade educativa.
O Decreto para o plurilingüismo construíuse sobre o marco legal galego, tendo en conta a vontade dos galegos e das galegas expresada nas pasadas eleccións autonómicas, así como o resultado da consulta ás familias realizada en xuño de 2009. Ademais, o Goberno galego incorporou suxestións realizadas polas máis de trinta entidades que o Goberno galego escoitou no trámite de audiencia –entre elas o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega– e tivo en conta observacións da Mesa Sectorial de Educación e do Consello Escolar, así como o ditame recentemente realizado polo Consello Consultivo.
Froito deste esforzo por dialogar coas forzas sociais e políticas, cómpre salientar os máis de cincuenta cambios incorporados sobre o borrador inicial presentado en decembro de 2009, cos cales se garante que o novo decreto sexa un punto de encontro para a gran maioría da cidadanía galega