Lugo, a 26 de novembro de 2020. Os membros do grupo provincial do Partido Popular cada día están máis convencidos de que o control que levan a cabo sobre o proceso de extinción de Suplusa molesta e pica ao goberno da Deputación de Lugo, presidido polo socialista José Tomé. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Son moitas as razóns polas que cremos que isto é así. No PP xa dixemos que pensamos que se está cerrando en falso e ás presas este asunto e cada día nos convencemos máis”.
Castiñeira explica as razóns polas que os populares teñen a impresión de que o goberno provincial quere esconder algo no caso de Suplusa: “Pola non resposta do goberno da Deputación ás nosas dúbidas e por intentar tapar un asunto tan importante como é o de disolución de Suplusa metendo na mesma sesión plenaria o debate dos orzamentos da institución provincial para 2021; son dous asuntos importantes que merecían senllos plenos extraordinarios”.
O portavoz dos populares destaca: “O máis grave de todo é que hai traballadores de Suplusa que non están sendo escoitados e, aínda peor, que non están sendo tratados igual que os seus compañeiros; refírome aos traballadores das zonas verdes, que a Deputación subrogou a Tragsa inxustamente e que piden ser subrogados, como o resto dos traballadores de administración de Suplusa, na Deputación. Algo que se fixo tamén cos traballadores da TIC e cremos xusto e normal que así se fixera”.
Javier Castiñeira diríxese ao presidente da Deputación: “Dicímoslle ao presidente da Deputación que aínda está a tempo de falar cos seus ex compañeiros, que use as súas dotes de sindicalista para tratar de solucionar este asunto. Para o PP, para pechar Suplusa ten que estar todo ben feito; a cuestión laboral están sen solucionar. Hai practicamente un ano que o levamos pedindo (recordamos que no pleno de final de decembro, no que reclamabamos os dereitos dos traballadores, estaban presentes os afectados e o presidente expulsounos da sesión); non se está portando ben cos seus ex compañeiros, que merecen un trato digno e igualitario co resto dos compañeiros que estiveron nunca situación similar”.