Ribadeo, 26 de novembro de 2020. O voceiro popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “o goberno local continúa a cobrar os impostos aos veciños negándose a aplicar medidas para paliar os efectos da covid-19 en Ribadeo e incluso sube a taxa pola recollida do lixo nun 2,13%; pero que se nega a renunciar ás cantidades que percibe do Concello”.
Vega explica que o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo presentou emendas á proposta de renuncia á asignación dos grupos políticos da corporación para estender esta renuncia tamén ao ano 2021. E, así mesmo, defendeu “renunciar ao cobro de dietas, ao cobro pola asistencia ás comisións e aos plenos e conxelar as dedicacións exclusivas para o vindeiro ano”.
O popular asegura que se trata “dunha proposta con moito sentido común que responde á necesidade de actuar ante a actual crise económica derivada da covid-19”. De feito, sinala que “estas cantidades poderían ir destinadas a prestar servizos sociais e ofrecer axudas ás familias”.
O popular critica que “o BNG votase que non a esta iniciativa e que o fixese tan rapidamente sen practicamente agardar a rematar de ler a proposta do Grupo Popular”.
Emenda
A emenda do Grupo Municipal Popular á proposta da alcaldía do expediente 4287/2020 consistiría en:
1. Ampliación da renuncia á asignación dos grupos ao exercicio 2021.
2. A renuncia das asignacións que se perciben por asistencia a comisións e plenos nos exercicios 2020 e 2021.
3. A renuncia ao cobro de dietas por parte dos concelleiros da corporación nos exercicios 2020 e 2021. Estas contías incrementarán a dotación orzamentaria na aplicación 231.22105 do vixente orzamento.
4. A conxelación das dedicacións exclusivas para o exercicio 2021.