Lugo, a 24 de novembro de 2020. O Partido Popular acláralle ao presidente da Deputación que os datos da covid-19 están todos colgados na web do coronavirus, polo que calquera alcalde ou alcaldesa da provincia e calquera presidente provincial pode ter acceso a eles e, por tanto, estar enterados e informados en tempo e forma.
Esta cuestión que desmonta claramente os argumentos do socialista leva aos populares a concluír que, “unha de dúas, ou o Sr. Tomé non se entera, ou ao Sr. Tomé non lle interesa enterarse”, afirman.
Así respostan dende o PP ás declaracións realizadas polo dirixente socialista ao comezo do Pleno, lamentado que a ousadía de Tomé chega ata o punto de poñer en dúbida a capacitación, cualificación e o rigor dun comité formado por 35 profesionais.
Ante o suceder dos feitos, censuran publicamente que o presidente empregue “algo tan serio como a pandemia para facer política porque é o que lle interesa neste momento, e o que é máis grave, que cuestione o excelente labor e o traballo destes expertos, que son os que determinan os límites perimetrais baixo criteiros obxectivos e de trazabilidade.
“Non está capacitado para presidir a Deputación”
“Isto é o que confunde o Sr. Tomé. Se non é capaz de distinguir isto, que é de sentido común, entendemos que non está capacitado para presidir a Deputación de Lugo”. Por este motivo, pídenlle que “cese na súa actitude, que traballe con lealdade institucional e que deixe de usar a Sanidade e as institucións públicas como son a Deputación e os Concellos para facer oposición ao Sr. Feijóo, que é o que está a facer dende que é presidente”.