RIBADEO (FNC) .- O equipo de goberno propuxo no pleno dos orzamentos celebrado onte renunciar ás dietas por asistencia a estas sesións, segundo explicaron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Facenda, Vicente Castro. Unha proposta que despois foi secundada polos partidos da oposición.
O edil nacionalista asegurou que “o deste ano é un orzamento realista e austero, o feito de que sexa superior ao de 2009 podemos consideralo como puramente anecdótico e ven marcado pola inversión destinada para o pavillón polideportivo da Avenida de Luarca, que ascende para este ano a 800.000 euros e polas obras da travesía urbana que supoñen nesta anualidade 700.000 euros”.
Vicente Castro suliñou que “este equipo de goberno fixo un grande esforzo no recorte do gasto corrente en todos os capítulos. Creamos un fondo social contra a crise que será desenvolvido posteriormente polos Servizos Sociais. No debate o noso grupo manifestou a intención de renunciar ás dietas por asistencia a plenos que posteriormente secundaron os grupos da oposición”.
O concelleiro de Facenda considera que “a situación pola que atravesamos é o suficientemente crítica como para que tratemos de botar unha man ás situacións de máis desamparo como é o caso a dos desempregados e o gasto social en todos os aspectos”.
Castro tamén explicou que “hai unha baixa nos gastos financieiros que ven dada pola baixada de tipos e que ten a maior repercusión neste exercizo. A crise pola que estamos atravesar tamén repercute na baixada de ingresos e máis sensiblemente no capítulo referido a fondos do Estado, o que se chama o Fondo Nacional de Cooperación Local”.
O edil do BNG recalcou que “no equipo de goberno podíamos tirar para adiante co orzamento prorrogado que nos permitiría dispor de máis fondos no capítulo de gasto corrente, pero entendemos que na situación que atravesamos este Concello debe ter un orzamento axustado ao momento que vivimos e non un presuposto prorrogado. A prórroga do orzamento non contempla o caso das subvencións o que limitaría a un montón de asociacións, colectivos e clubes para a realización das súas actividades. Por esto era tamén importante que o orzamento saise adiante”.
A Vicente Castro parécelle lamentable que “os grupos da oposición utilizasen como recurso para votar en contra do orzamento o reparto dos famosos 68.000 euros entre os funcionarios do Concello. Nós entendemos que nos tempos que vivimos os que gobernamos temos que axustarnos a esta realidade e axudar ás familias que viven con máis dureza esta crise”.