Burela, a 19 de novembro de 2020. A FGAMT-CIG demándalle á Xunta que traslade os mariñeiros do Adviento I aos seus domicilios, ou a outro lugar que cumpra cos requisitos sanitarios, para que estas 17 persoas poidan pasar a corentena en condicións adecuadas. A central sindical critica que a Xunta non conte cun protocolo claro e efectivo, cando xa hai precedentes similares, e demanda da administración galega que actúe de inmediato “porque sobran sitios onde atender dignamente a estes traballadores”.
A CIG sinala que un barco pesqueiro non é un lugar axeitado nin polas súas dimensións, nin pola súa dotación, nin polas súas condicións sanitarias para pasar a corentena por coronavirus, polo que reclama da Consellaría de Sanidade que poña en marcha o dispositivo para iniciar de inmediato o traslado destas persoas aos seus domicilios ou, no seu caso, que habilite unhas dependencias para poder instalar nelas os mariñeiros con todas as garantías sanitarias. A este respecto, o responsábel de Mar da CIG, Xabier Aboi, valora que “non pode ser que a Xunta confine a xente en barcos e non reaccione até que a opinión pública se revela”.
Por iso, e para evitar que se repitan situacións similares, a FGAMT-CIG reclámalle á Consellaría do Mar e á Consellaría de Sanidade que establezan un protocolo de actuación tanto para os posíbeis casos detectados nas embarcacións como para os positivos confirmados, con criterios claros e precisos para os traballadores e armadores e para as instalacións portuarias, e no que se especifique tamén o proceso de traslado do persoal afectado e a onde ten que ir. “Non é normal que a solución sexa pechar o barco cos doentes dentro sen ofrecer ningunha alternativa, cando noutras ocasións si se buscaron”, denuncia.
A este respecto, e tendo en conta a diversa nacionalidade das tripulacións, a central sindical considera oportuno acondicionar unha rede de espazos nos que os/as mariñeiros/as poidan pasar corentenas ou illamentos en condicións dignas e seguras, aproveitando para isto a rede de Casas do Mar e oficinas locais do ISM, moitas das cales están na actualidade sen uso ou infrautilizadas.
De igual maneira, a CIG pide estremar a seguridade e as medidas preventivas para os traballadores e traballadoras que teñen que saír ao mar e que se realicen PCR os mariñeiros antes de embarcar, tende en conta o contacto permanente no que están, a imposibilidade de manter a distancia de seguridade e as dificultades para acceder ao sistema sanitario de maneira urxente.