Ribadeo, 19 de novembro de 2020. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo pide responsabilidade fronte ao coronavirus aos veciños e veciñas para poder pasar un Nadal “o mellor posible” e para non ter que sufrir novas restricións.
O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, considera que “é imprescindible que todos os veciños e veciñas do municipio así como as persoas que nos visitan da comarca actúen con moita responsabilidade fronte ao Covid-19 para evitar contaxios que obrigarían a que as autoridades sanitarias teñan que tomar novas medidas durante o vindeiro mes de decembro. Non nos podemos relaxar. Temos que actuar con moito sentido común”.
Para Iriarte Quintana “estamos ante o momento quizais mais delicado do ano, se non facemos as cousas ben podémolo pagar moi caro. A campaña de Nadal é imprescindible para que o comercio e a hostalaría de Ribadeo resistan e poidan saír adiante e por nada do mundo podemos arriscarnos a que a situación epidemiolóxica empeore, porque iso podería implicar novas medidas restritivas. A dia de hoxe xa temos unhas restricións moi duras, pero coas podemos convivir, se tiveran que ampliarse serían a ruína da economía e o peche dunha boa parte dos negocios da nosa vila nos vindeiros meses”.
O presidente do colectivo empresarial ribadense sinala que “segundo se está a confirmar por parte das autoridades sanitarias Ribadeo está a aumentar no número de casos, ao igual que outros concellos da zona, e por iso estamos preocupados. Entre todos, sendo responsables, debemos frear esta cadea de contaxios”.
Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifesta que “podemos saír mercar e tomar algo ou comer fora, non so podemos se non que debemos facelo, polo ben da economía local, pero debemos facelo cumprindo estritamente as normas e sendo responsable. Si todos cumprimos evitaremos novas restricións e poderemos pasar un Nadal o máis normal posible, dentro das actuais circunstancias que nos toca vivir”.
E engade: “a responsabilidade é de todos, dos empresarios, por suposto, que nun 99% compren as normas, pero tamén dos veciños e veciñas, xa que na responsabilidade individual está a clave. Despois de tantas semanas na mesma situación, aínda nos chegan noticias que dan moita rabia e temos que seguir recordándolle á xente que está prohibido facer festas nas casas, que é moito mais seguro reunirse nun bar cun par de amigos que facer unha festa na casa con dez ou quince, que os rapaces non anden as escondidas xuntándose nove ou dez facendo botellóns e festas en portais, parques ou prazas …”.
Francisco Iriarte conclúe: “non podemos baixar a garda, non podemos relaxarnos, debemos conseguir reducir os contaxios ou a lo menos que non sigan subindo para poder ter un Nadal tranquilo e o mellor posible”.