Burela, 19 de novembro de 2020. As concelleiras de Servizos Sociais e de Muller, Igualdade e Inmigración, Carmela López e Noelia María Ben, visitaron nas últimas horas a Unidade de Axuda ao Drogodependente, que atende a medio milleiro de persoas ao ano e salientaron o traballo realizado por este centro comarcal.
A UAD é un servizo sanitario comarcal e público de atención especializada ás condutas aditivas e o seu ámbito territorial son os catorce concellos da Mariña. Atende unha media de 400 a 500 pacientes ao ano, que acoden para realizar un tratamento de desintoxicación e deshabituación do consumo de tóxicos legais, como o alcohol ou o tabaco, e ilegais como o cannabis, a cocaína ou as drogas de síntese. Tamén aborda a resolución dun trastorno aditivo sen sustancias como a ludopatía.
O tratamento realízase na modalidade ambulatoria e abarca consultas con traballadora social, enfermería, medicina e psicoloxía. Ademais no seu servizo de Laboratorio realízanse extraccións sanguíneas para analítica xeral, vacinacións, análises de tóxicos en orina, medicións de alcohol en aire expirado e dispensación de fármacos.
Carmela López contou que “estivemos visitando as instalacións da Unidade de Axuda ao Drogodependente para coñecer o seu funcionamento da man do persoal e da directora do centro, para poñelo en valor e mellorar todo aquilo que estea da nosa man”.