Lugo, a 16 de novembro de 2020. O grupo provincial do PP insta ao presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), a matizar ou corrixir as declaracións nas que apoia o pacto do Goberno con Bildu para a aprobación dos orzamentos xerais do Estado para o próximo exercicio. O portavoz dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Moi decepcionantes nos parecen as declaracións do presidente da Deputación de Lugo respecto á súa opinión do pacto para os orzamentos do Estado para 2021, entre o Goberno PSOE-Podemos e Bildu; decepcionantes e vergoñentas”. Engade que “escoitar ao presidente da Deputación que, a efectos de pactos, para o PSOE teñen á mesma consideración os deputados de Bildu que calquera outro do Congreso, pois a verdade parécenos un erro político e unha falta de respecto aos lucenses, que non respaldan para nada este tipo de pactos con aqueles que queren romper a democracia e romper o Estado que nos trouxo benestar nos últimos corenta anos”.
Castiñeira di: “O señor Tomé erra cando trata de defender a Pedro Sánchez, pero sobre todo equivócase apoiando, lexitimando e branqueando aos que queren romper España e que aproveitan a debilidade do goberno precisamente para facerse fortes”.
Os populares destacan que “Pedro Sánchez non trata de pactar con aqueles que si representan aos seu veciños, como no caso da provincia de Lugo nos orzamentos para 2021”. Explica Castiñeira: “O Partido Popular representa á maioría dos lucenses, a gran parte dos alcaldes, e rexeitar a aportación do PP para elaborar os orzamentos é rexeitar a unha gran parte de todos os lucenses; é unha falta de respecto, porque o PP sempre estivo aí para as cousas importantes e necesarias da provincia”.
O portavoz provincial do PP declara: “Pedimos ao presidente Tomé que rectifique e pida perdón polas súas declaracións. Insistimos en que nos parecen unha absoluta falta de respecto, especialmente porque veñen dunha persoa xa metida en anos, veterana, que seguro que ten moitos compañeiros noutras autonomías que foron asediados e moi mal tratados por ETA”. Castiñeira considera que Tomé “debe dar explicacións e, en todo caso, pedímoslle que cambie a súa actitude e que volva á moderación, que é o que ofrece o PP de Lugo”.