Barreiros, 15 de novembro de 2020. O Concello de Barreiros iniciou a licitación para a posta en marcha dun proxecto piloto de compostaxe comunitaria na parroquia de San Cosme. O custe de dito proxecto ascende a 17.398, 88 euros máis ive e consistira na colocación dun mínimo de oito composteiros mancomunais que darán servizo ás vivendas sociais, ao colexio e á escola infantil.
Ademais da instalación, o proxecto contempla actuacións de concienciación e seguimento do programa, tanto para as persoas que tomen parte no prograna como para outras que puideran ter interese, ao preverse a posibilidade de ampliación de actuacións similares a outras zonas.
Este proxecto lévase a cabo ao abeiro dunha subvención por importe de 20.000 euros concedida pola área de medio rural da Deputación ao consistorio barreirense. Con el preténdese por unha parte concienciar á poboación en xeral da necesidade da producción de residuos e da necesidade de reutilizar aqueles que se xeren.
“Hai concellos que teñen realizado un gran traballo neste ámbito e lograron reducir notablemente tanto o custe no tratamento de residuos como o impacto ambiental e en Barreiros pretendemos iniciar esa senda para ser un concello sostible a nivel ambiental, xa que a nivel xeral, os biorresiduos dupoñen un 50% do lixo xerado”, explican desde o Concello.
“Trátase de implantar un sistema que contribúa a avanzar na implantación da recollida selectiva da materia orgánica (quinto colector) e xerar hábitos que permitan reducir os impropios na recollida actual”, expón o concelleiro de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira.
A previsión é que a posta en funcionamento do proxecto se realice no primeiro trimestre do vindeiro ano, iniciándose con visitas informativas porta a porta a participantes potenciais. Realizaranse tamén xornadas de divulgación e sensibilización xeral para valorar a posibilidade de ampliar o proxecto en futuras actuacións e editarase material explicativo do proceso e caldeiros para o depósito de residuos aos fogares que participen no proxecto.
O material compostado que se obteña no proceso será posto a disposición gratuíta das persoas participantes ou quen poida precisalo para a súa actividade.