Burela, 13 de novembro, 2020. Esta fin de semana celébrase a quinta etapa do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha serie de xornadas gastronómicas que están percorrendo a costa norte de Galicia ofrecendo receitas de catro das especies pesqueiras máis representativos da lonxa de Burela: pescada do pincho, peixe espada, xurel (chicharro) e peixe sapo.
Trátase dunha campaña que a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo pon en marcha en colaboración coa “Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela” e Armadores de Burela cun triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camino del Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camino Inglés a Compostela.
Nesta quinta fin de semana gastronómica o Camiño une as provincias de Lugo e A Coruña, xa que fai parada nos concellos de O Vicedo (Lugo) e Mañón (A Coruña), nos restaurantes Area Grande, La Bodeguita del Puerto e A Muller Mariña.
A Muller Mariña (Mañón) ofrece as súas receitas de “Salpicón de Peixe Sapo”, “Peixe Sapo en salsa con pataca rechea de pementos” e “Brocheta de Peixe Espada e zamburiñas”.
Restaurante Area Grande (O Vicedo) ofrece un menú degustación no que inclúe “Caldereta de Peixe Sapo” e “Peixe Espada á grella”.
La Bodeguita del Puerto (O Vicedo) ofrece as súas elaboracións de “Pescada do pincho de Burela ao capricho” e “Chicharro da nosa Fuensanta”.
A campaña celébrase durante oito fins de semana ata o próximo 6 de decembro e consiste na degustación de catro das especies máis representativos das frotas pesqueiras de OPP Lugo, que teñen lugar en dous restaurantes de cada un dos quince concellos polos que circula o “Camiño do Mar”, desde Ribadeo ata Neda: nuns ofrecen pratos de pescada do pincho e xurel; e noutros receitas de peixe espada e peixe sapo.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.