Viveiro, 13 de novembro de 2020. O Concello de Viveiro informa de que despois de aprobar na Xunta de Goberno Local do mércores o listado de solicitudes estimadas e desestimadas para as axudas do Plan de Reactivación Económica, no día de onte xa remitiu ao banco a orde de pago para proceder ao ingreso da cantidade correspondente a todas aquelas persoas que solicitaran o pago anticipado; deste xeito, parte dos beneficiarios xa recibiron esta axuda no día de onte e os restantes recibirán o ingreso no día de hoxe.
Todos os beneficiarios destas axudas para o impulso da actividade económica de Viveiro teñen o mes de novembro para presentar a xustificación do 100%, procedéndose ao pago da totalidade da subvención concedida con posterioridade.
Quérese destacar que o Concello de Viveiro foi o primeiro municipio da Mariña en anunciar unha liña de axudas dirixidas a autónomos, microempresas, pequenas empresas, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas empresariais sen personalidade xurídica, obrigados a suspender a actividade pola pandemia segundo RD 463/2020 coas modificacións introducidas polo RD 465/2020, de 17 de marzo, e as ordes de desenvolvemento dos mesmos, unhas axudas que xa están materializadas economicamente.
Tal e como se anunciara no acordo inicial co grupo Por Viveiro, o concello xa está traballando nunha segunda liña de axudas para autónomas que se prevé levar a cabo no vindeiro ano, co obxectivo de continuar axudando a paliar as consecuencias económicas derivadas da pandemia da COVID19.