Viveiro, 6 de outubro, 2020. Hai sete meses que se aprobou por unanimidade a moción do BNG para mellorar a situación actual de Covas en canto ao tráfico, mais o kaos segue reinando na travesía.
Entre as medidas que se aprobaron está a de pintar aparcadoiros en espiga na travesía de Covas (para aparcar marcha atráis e saír cara diante), a AXI (Axencia Galega de Infraestrutas) xa trasladou un proxecto e a intención de iniciar esta medida canto antes, mais o goberno local decidiu frealo, xa que “supostamente” quedarían menos prazas, iso claro, se se toman como referencia as actuais que non cumpren as medidas e coas que a maioría de veciñxs acaban coa porta deteriorada por non mencionar os múltiples accidentes por falta de visibilidade oa saír dos aparcamentos.
Precisamente para ampliar as prazas de aparcamento, nesta moción, aprobouse un mecanismo de cesión temporal de terreos privados ao voncello, a cambio da exención de impostos para a súa utilización pública e baixo unhas condicións específicas. Esta é unha fórmula legal que empregan con éxito concellos de todo o estado español e mesmo da nosa contorna, como por exemplo o concello de Ribadeo, cuxo goberno municipal soubo dar unha resposta rápida en máis dunha ocasión á falta de espazo público a través do contrato de comodato, habilitando aparcadoiros en diferentes zonas do seu casco urbano demandados polxs ribadenses.
Sexa por unha cousa ou por outra, o certo é que este goberno municipal de Viveiro leva anos sen aportar solución algunha a esta problemática e sen mover ficha para que Covas poda contar con espazos públicos e de balde para o estacionamento de vehículos.
A señora alcaldesa vai tarde, polo que non debera esperar máis e conquerir no menor tempo posíbel un acordo cos donxs dos solares libres en Covas e acondicionalos como zonas de estacionamento público. Con esta medida estaríase contribuíndo a dinamizar o comercio e hostalería da parroquia, rebaixando a presenza do elevado volume de vehículos que cada día está a soportar a travesía de Covas e, por conseguinte, contribuíndo a incrementar a seguranza viaria dxs usuarixs e das súas veciñas e veciños.
Agardamos e desexamos que o goberno de María Loureiro recapacite sobre as súas obrigas e responsabilidades e se poña as pilas para facer realidade os acordos da moción do BNG que foi aprobada pola maioría da corporación e na que se lle instaba a traballar para, entre outros, poñer a disposición da veciñanza de Covas uns aparcadoiros públicos tan demandados como necesarios.