Lugo, 5 de outubro, 2020. Ante a situación de crise que está a atravesar o sector da hostalería e a súa cadea de valor como consecuencia das medidas preventivas tomadas polos diferentes gobernos para a contención da covid-19 e co obxectivo de reivindicar os seus dereitos e a falta de axudas para evitar o peche definitivo de moitos establecementos, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) convoca a toda a hostalería da provincia de Lugo a participar nunha manifestación este próximo sábado, día 7 de novembro, na cidade de Lugo a partir das 11:00 horas da mañá.
Segundo indica a Asociación, a concentración dos asistentes realizarase diante do edificio administrativo do Concello de Lugo (zona peonil Ronda da Muralla-parte traseira Colexio Maristas de Lugo), dirixirase por Ronda da Muralla cara ao edificio multiusos da Xunta de Galicia, seguindo por Porta San Fernando para dirixirse a rúa San Marcos (Deputación de Lugo), logo a Santo Domingo, cara á Subdelegación do Goberno, e Conde Pallares ata a Praza Maior, onde finalizará diante do Concello.
Durante a acción reivindicativa, distintos vehículos de reparto de distribuidores de hostalería circularán pola Ronda da Muralla para potenciar a protesta e dar visibilidade a todos os axentes da cadea de valor do sector.
Para todos aqueles que non poidan asistir á concentración na cidade, a acción no resto dos concellos da provincia consistirá nunha concentración, sen percorrido, o mesmo día, sábado 7 de novembro, ás 11:00 h da mañá diante dos consistorios correspondentes.
En todo momento manteranse as oportunas medidas de seguridade e garantirase o mantemento da distancia de 1,5 metros entre asistentes, así como uso de máscaras.
AUDIENCIA COA XUNTA
Ademais desta acción, a Apehl comunicou que toda a hostalería de Galicia solicitou unha audiencia co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e co vicepresidente, Alfonso Rueda, na que trasladar as inquietudes dos hostaleiros, solicitar axudas para saír desta crise e poder convocar unha manifestación de todo o sector a nivel galego.