Lugo, 4 de novembro de 2020. Logo de ter coñecemento na tarde deste martes dun caso positivo por Covid-19 dunha persoa traballadora de Mensajeros de la Paz, a entidade adxudicataria de prestacións básicas no Centro de Atención a Maiores de Trabada, a Deputación de Lugo informa do seguinte:
Na mesma tarde do martes, a institución provincial adquiriu os kits para a realización das probas para a determinación mediante PCR da presenza de SARS-COv2. A primeira hora da mañá deste mércores o persoal sanitario da Deputación de Lugo, coa formación técnica necesaria para a recollida de mostras, procedeu ao cribado masivo dos 27 usuarios e usuarias do centro, e das 22 persoas traballadoras que se atopan en activo.
O persoal sanitario da Deputación entregou as mostras antes das 12 da mañá de hoxe a un centro de diagnóstico lucense autorizado pola Xunta de Galicia, que consta inscrito no Rexistro de Centros Sanitarios.
Esta tarde, o laboratorio comunicou que as 49 probas realizadas resultaron negativas. Nun primeiro momento, unha das análises obtivo un resultado non concluínte, polo que se decidiu repetila para obter as máximas garantías. Esta nova análise deu como resultado negativo, polo que TODAS AS PROBAS SON NEGATIVAS.
A Deputación de Lugo recibe con satisfacción este resultado e subliña que os protocolos de seguridade que aplica nos centros de maiores da súa titularidade dende antes da declaración do primeiro Estado de Alarma, en moitas ocasións con medidas por riba das establecidas polas autoridades sanitarias, están dando bo resultado, tendo en conta, ademais, que a orixe do único caso de contaxio no CAM de Trabada está localizada fóra do centro, en concreto, na residencia de San Cibrao.
Ao mesmo tempo, a institución provincial continúa a extremar as precaucións e cumprindo os protocolos de prevención e contención da Covid-19 que ten implantados dende o inicio da pandemia, seguindo sempre as indicacións que marcan as autoridades sanitarias competentes na materia.
De feito, ademais das probas que fixo a Deputación, toda a comunidade do Centro de Atención a Maiores de Trabada -residentes e persoal traballador- se someteron tamén durante este mércores ás diferentes probas diagnósticas prescritas dende o SERGAS, cuxos resultados esperamos recibir nun prazo máximo de 48 horas.
A Deputación de Lugo púxose en contacto coa persoa traballadora con resultado positivo para interesarse polo seu estado de saúde e desexarlle unha pronta recuperación. Manifesta que segue asintomática, como se mantivo durante todo este tempo. Cabe sinalar que esta persoa non estivo en contacto coa comunidade do CAM de Trabada dende hai 6 días, momento no que foi coñecedora de ser contacto directo con outra persoa traballadora da residencia de maiores de San Cibrao que resultou positivo. Polo tanto, está localizada a procedencia do contaxio e a persoa traballadora do centro de Trabada permanece illada do resto dos traballadores e dos usuarios.
Dada a evolución que a pandemia está tendo na nosa provincia, incidir en que o risco de contaxio cero non existe, polo que toda a sociedade debe colaborar para a contención do virus. Trasladar a solidariedade da Deputación de Lugo coas persoas que están padecendo a enfermidade e, especialmente, aos centros de maiores que están vivindo momentos difíciles, sendo coñecedores do importante esforzo humano que realizan.