Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020. A Xunta de Galicia valora positivamente que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veña de conceder as medidas cautelares solicitadas polo comité de empresa de Alcoa e os sindicatos e nas que contaron para a súa presentación coa colaboración da Administración autonómica.
A decisión de impedir á empresa a paralización das cubas permite seguir adiante desde a unidade de acción cos traballadores para acadar o obxectivo último de continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao e, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo.
Esta decisión dá a razón tanto aos traballadores como ás administracións, que levamos semanas demandando a Alcoa que volva á senda do diálogo: a mellor saída para todas as partes é que Alcoa acepte a venda da planta de aluminio primario. En ningún caso, podemos contemplar o peche da única fábrica que produce neste momento aluminio primario en España como unha opción. Carece de calquera sentido desde o punto de vista empresarial, económico ou estratéxico.
Alcoa segue estando a tempo de recapacitar. Agardemos que esta nova resolución supoña un punto de inflexión para que a empresa acepte sentarse de novo a dialogar e chegar a un acordo. De persistir na súa teima de non dialogar e de insistir na paralización das cubas, a Xunta xa deixou claro que lle pedirá ao Goberno a intervención temporal da planta de aluminio.
Seguiremos colaborando cos traballadores e sindicatos e confiamos en que o Goberno manteña a actual liña de cooperación, convocando a reunión prevista co comité de empresa e a Xunta; e presentando as medidas que permitan contar cun marco enerxético estable para a industria electrointensiva, sector que a Xunta xa ten declarado estratéxico e esencial.