Lugo, 31 de outubro de 2020. Os Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo festexan estes días o Samaín e o Magosto cun programa de actividades moi variado e entretido. Os usuarios e usuarias dos catro centros – A Fonsagrada, Trabada, Pol e Ribadeo- involúcranse nestas accións pensadas e postas en marcha polos traballadores e traballadoras dos centros e da institución provincial.
Entre as actividades inclúese a decoración do centro, a proxección de películas, maquillaxe con motivos do Samaín, degustación de petiscos “terroríficos”, menú especial onde non faltan as castañas e, entre outras, a tradicional decoración de cabazas.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliña que “nestes momentos que vivimos excepcionais debido á pandemia da Covid-19 non podemos deixar de seguir organizando festas, celebracións e días especiais nos centros, senón todo o contrario. Debemos reforzalas, seguindo con todas as normas sanitarias, porque son importantes para mellorar o seu benestar emocional e percibimos que lles axuda a levar mellor as restricións nas visitas presenciais”.
Todos os usuarios e usuarias dos CAM da Deputación se involucran dunha ou doutra maneira nas actividades, explicou Rivera, “por exemplo, hai quen lle gusta máis a cociña e participa levando a cabo unha receita tradicional que coñece, e a outros en cambio gústanlles máis as manualidades e motivounos moito facer da súa cabaza a máis orixinal”.