Viveiro, 27 de outubro de 2020. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, reunirase o próximo 2 de novembro en Santiago coa directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, para falar sobre a oficialización do Camiño do Mar e coñecer, de primeira man, o estado no que se atopa a tramitación deste expediente. Esta xuntanza estaba prevista inicialmente para o 13 de outubro, non podendo celebrarse nesa data por problemas de axendas.
A alcaldesa asisitirá a esa xuntanza acompañada por Jesús Fernández Fernández, 1º tenente de alcalde; María Soledad Rey Yáñez, concelleira de Turismo, e Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar.
O goberno municipal solicitara unha xuntanza co xerente do Xacobeo para falar sobre este asunto, á que se respostou explicando que a reunión debería solicitarse coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por ser este o departamento encargado de desenvolver os trámites e xestions encamiñados a oficializar os Camiños de Santiago en Galicia, previo estudo histórico.
Dende o goberno municipal enténdese que se trata dunha cuestión urxente, tendo en conta que o Parlamento de Galicia aprobou o inicio da oficialización do Camiño do Mar en 2010 e tendo en conta, asemade, que se trata dunha oportunidade para toda a comarca, que urxe axilizar se temos en conta que o 2021 será ano xacobeo e considerando a crise económica derivada da situación actual.
O Concello de Viveiro leva anos traballando pola oficialización e promoción do Camiño do Mar, convencidos de que se trata dun recurso histórico, cultural e turístico que cómpre pór en valor, ademais da súa importancia dende o punto de vista económico sobre todo para un sector, o do turismo, especialmente afectado pola pandemia.
Coa reunión da vindeira semana, o Concello de Viveiro pretende coñecer en que punto se atopa a tramitación deste expediente e instar á Xunta de Galicia para que o recoñecemento oficial do Camiño do Mar se produza á maior brevidade posible, tendo en conta que suporía un pulo importante para Viveiro e toda a comarca da Mariña.