Lugo, 21 de outubro de 2020. A Deputación de Lugo acaba de ingresar na asociación Ruta Transrománica, un organismo do Consello de Europa que ten como obxectivo fundamental o estudo da arte románica europea e a promoción dos itinerarios artísticos a nivel internacional. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou este xoves nunha rolda de prensa esta boa nova, que sitúa ao románico lucense no máis alto nivel de recoñecemento e visibilidade europeos, “o que contribuirá á promoción turística da provincia nun momento de gran dificultade para o sector debido á pandemia”.
O Presidente cumpre así co compromiso que fixo hai menos dun ano, en novembro de 2019, no Parador de Monforte, durante unhas xornadas sobre a importancia do románico no Camiño de Inverno organizadas pola Fundación Juana de Vega, onde anunciou a súa vontade de liderar e impulsar a integración do románico da Ribeira Sacra na Rede Europa de Itinerarios Culturais Europeos, dentro da Asociación Ruta Transrománica.
José Tomé, quen agradeceu e felicitou polo seu “gran traballo” á Deputada de Turismo e ao seu equipo para sacar adiante unha candidatura “rigorosa e de calidade” que fixo posible entrar nesta entidade “este ano, nun tempo récord”, explicou que esta medida forma parte da “aposta e do traballo que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo por promocionar o noso territorio a través do turismo. Un turismo de calidade, de experiencias, respectuoso co entorno, que pon en valor a nosa riqueza patrimonial, e con capacidade para atraer a visitantes ao longo de todo o ano”. “Cremos que esta é a fórmula axeitada para facer do turismo un instrumento eficaz para crear emprego sostible e fixar poboación na nosa provincia, sobre todo no rural, un dos noso grandes obxectivos como Goberno”.
A presencia da provincia na Transrománica grazas á iniciativa da Deputación tamén será “un importante apoio para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, unha candidatura que foi impulsada pola Deputación de Lugo e á que logo se sumaron outras administracións, como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e que lidera o Ministerio de Cultura do Goberno de España”, subliñou o Presidente, quen considera, así mesmo, que supoñerá “un aliciente e un reclamo para a promoción do Camiño de Inverno de cara ao Xacobeo 2021”.
“Este recoñecemento chega nun momento no que pode axudar ao sector turístico, tan gravemente afectado pola pandemia, a manterse e reactivarse”, manifestou o Presidente.
Selo de Itinerario Cultural
A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea – Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que entra a formar parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora.
Por medio da colaboración transrexional e transnacional e de acordos entre os sectores públicos e privados, a asociación Ruta Transrománica persegue hoxe un triplo obxectivo, como é fomentar o estudo do románico, dar visibilidade a esta arte mediante a organización de eventos culturais de todo tipo e garantir que os sitios sexan accesibles ao público máis amplo posible.
Dez igrexas de dez concellos da Ribeira Sacra
A candidatura que presentou a Deputación de Lugo recolle 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra. “Fixemos esta selección para asegurar a maior representación posible do territorio”, incidiu o mandatario provincial, quen engadiu que a vontade da institución é ir incluíndo progresivamente máis monumentos no itinerario, xa que só no sur da provincia “podemos atopar 47 igrexas románicas, 16 igrexas con elementos románicos e 31 de orixe medieval”.
As igrexas que inclúe a candidatura son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.
“A candidatura presentámola á Asemblea Xeral da Transrománica, onde participan 12 rexións de 9 países europeos e alí, a proposta da Deputación de Lugo foi apoiada por unanimidade”, relatou o Presidente. Logo, esa proposta foi avaliada polo Consello Asesor Científico, co que quedou ratificada a adhesión da Deputación a esta entidade con pleno dereito.
Elementos patrimoniais únicos e de gran calidade
No documento de confirmación da entrada da Deputación de Lugo na ruta, o Consello Asesor Científico destacou “que a nosa proposta inclúe elementos patrimoniais románicos únicos e de gran calidade, e, neste sentido, menciona especialmente a igrexa de San Nicolás de Portomarín, Santo Estevo de Ribas de Miño e a igrexa de Ferreira de Pantón”, detallou Tomé Roca. O Consello tamén reflexa que a selección elaborada dá mostra da imaxe característica da paisaxe cultural do norte de España con “románico puro” e cualifica como “excelente” a documentación aportada pola Deputación.