A Mariña, 21 de outubro de 2020. A FCAM fai unha valoración positiva das axudas recibidas nos CCAs e tamén na propia Federación de Comercio A Mariña desde a Consellería de Industria e Comercio e tamén a través do convenio asinado coa Deputación de Lugo.
O presidente, José Carlos Paleo, sinalou que “agora máis que nunca precisamos da axuda de todas as administracións aos Centros Comerciais Abertos e tamén á FCAM para poder desenvolver os proxectos e as campañas nas que traballamos co obxectivo de dinamizar ao máximo posible o comercio e a hostalería. E para prestar os servizos que desde cada asociación lles ofrecemos aos nosos asociados e asociadas. Os tempos son os que son e debemos remar todos xuntos na mesma dirección. Estamos moi agradecidos polas axudas recibidas e agardamos podemos seguir contando con elas e colaborando con todos aqueles proxectos que sexan de interese para o desenvolvemento desta comarca”.
Paleo dixo que “estamos preparando diversos proxectos de cara ao 2021 para presentar diante das distintas administración e dos organismos colaboradores”. E subliñou “a importancia da colaboración, do traballo conxunto, que estamos a realizar coa Mancomunidade en proxectos comarcais como Degusta A Mariña ou Cociñando A Mariña, entre outros”.
Estes foron algúns dos asuntos abordados na reunión da xunta directiva da FCAM, celebrada nas últimas horas, na que tamén se acordou “reivindicar o recoñecemento do Camiño do Mar, como ruta oficial e como a fonte de atracción turística na que se pode converter nun futuro próximo”.
O presidente da FCAM aproveitou a ocasión para “recoñecer o esforzo realizado nos últimos meses para levar a cabo a dixitalización do comercio local coa posta en marcha de plataformas de venta online ou de apps co obxectivo de contar cun sector renovado e adaptado ás demandas da clientela, que moitas veces merca sen saír da casa, pero faino cada vez máis no comercio do seu pobo porque está na vangarda e porque si ten calquera problema conta cunha persoa, cunha cara coñecida e amable, á que poder recorrer”.