Lugo, 20 de outubro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co presidente da Fundación Luis Tilve, José Benito Núñez López, o convenio de colaboración polo cal o organismo provincial financia con 25.000 euros o Proxecto de investigación sobre a reorganización do movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión en Galicia (1945-1990).
A realización deste proxecto permitirá reconstruír a historia do movemento obreiro na provincia, dos seus traballadores, e da reorganización e reconstrución da democracia e das liberdades sociais. Así mesmo, a iniciativa axudará a recuperar o patrimonio histórico documental xerado por estes movementos, a fin de clasificalo, difundilo e poñelo a disposición dos historiadores e dos veciños e veciñas.
A Fundación Luís Tilve é unha entidade cultural sen ánimo de lucro, constituída en 1989, que considera necesario o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais e políticos contemporáneos, así como a conservación e recuperación da documentación das organizacións obreiras, de cara a contribuír coa investigación histórica e socioeconómica de Galicia e coa análise da súa realidade social. As súas actividades compleméntanse coa organización de exposicións, xornadas, cursos, foros, conferencias, premios ou calquera outra actividade dirixida a cumprir cos obxectivos da entidade.