Lugo, 20 de outubro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, asinaron este martes en San Marcos o convenio de colaboración polo que a institución provincial achega 52.000 euros para a reposición do peche do campo de herba artificial da Marosa.
José Tomé destacou que “o venres pasado aprobamos en Xunta de Goberno este convenio de colaboración e hoxe xa o asinamos, cumprindo con axilidade coas necesidades expostas polo Concello de Burela e os equipos que adestran e xogan neste campo de fútbol”. Neste sentido, o Presidente subliñou que esta colaboración enmárcase no compromiso prioritario da Deputación de cooperar cos concellos para dotar e mellorar os servizos e infraestruturas públicas dos seus veciños e veciñas.
O mandatario provincial explicou que os traballos financiados pola Deputación teñen un prazo de execución de un mes e consistirán na substitución parcial do peche do campo, fondo sur e este, cunha malla electrosoldada. Isto facilitará o acceso a aseos e vestiarios ás persoas con mobilidade reducida. Ademais, substituiranse os bancos dos dous equipos e levarase a cabo a canalización do campo.
O Presidente lembrou que a achega económica de 52.000€ asinada este martes, súmase aos 150.000 euros que xa aportou a Deputación con anterioridade para renovar os vestiarios e a iluminación do recinto.
Utilizado polas escolas e o SD Burela
O campo de herba artificial da Marosa, de titularidade municipal, é usado polos equipos de base da Asociación para o Fomento do Deporte (AFD) Porto de Burela, onde xogan de locais. Ademais, serve como campo de adestramento para os xogadores da SD Burela, que milita en Primeira División Rexional.