Lugo, 1 de outubro de 2020. Os usuarios e usuarias da Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación de Lugo están celebrando esta semana o Día do Maior que se conmemora este xoves, 1 de outubro, con diferentes actividades e iniciativas. Unha delas é a presentación dunha nova revista elaborada por eles mesmos e con contidos propios onde relatan historias persoais e se inclúen creacións literarias e diversas actividades e obradoiros.
A revista recolle testemuños das persoas que viven nos catro centros provinciais de Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada. O Presidente, José Tomé Roca, explica a importancia de editar e presentar esta revista, “que serviu como incentivo para manter o ánimo nestes tempos difíciles para eles, nos que tivemos que volver a aplicar medidas rigorosas de seguridade para protexer a súa saúde”. “É un bo xeito de que exerciten a súa memoria, a capacidade de atención, a creatividade, propicia o traballo en grupo e o sentimento de comunidade, ademais todo o que escriben queda recollido nesta composición, o que lles permite ler e reler os textos as veces que queiran”, subliña.
Esta publicación, distribuída nos centros de maneira impresa e enviada ás familias, estrutúrase en varias seccións:
1. Compartimos: recolle producións literarias en forma de poesía, narrativa e contos escritos polos residentes.
2. O que facemos: aglutina fotografías de diferentes momentos importantes vividos nos últimos meses en cada un dos centros de maiores, como festividades locais (a festa da enfariñada de Trabada, a festa do emigrante de Pol, a festa do Corpus Christi da Fonsagrada ou o día do Carme en Ribadeo, entre outras moitas); festividades autonómicas, como o Día de Galicia ou o Día de San Xoán; e celebracións de aniversario importantes, como a festa polo centenario de Mercedes Prieto de Trabada, ou o 48 aniversario do casamento de Genoveva e Eladio de Ribadeo.
3. Recordo cando…: recompila declaracións dos usuarios e usuarias con historias das súas vidas laborais, historias persoais ou de xeitos de vida que lembran en primeira persoa.
4. Para rirse… Chistes escritos polos os usuarios máis divertidos e con bo sentido do humor para que outros o lean.
5. Adiviñas. Adiviñas elaboradas polos usuarios.
6. Eu opino que… Nesta sección plasman a súa opinión sobre asuntos de actualidade, sobre o seu día a día no centro ou sobre calquera aspecto sobre o que lles apetece deixar o seu parecer.
7. Saúde nos CAM. Este apartado está elaborado por persoal técnico dos centros e son recomendacións e boas prácticas saudables para ter en conta. Información divulgativa ao alcance dos maiores.
8. Conectamos. Punto de encontro entre os usuarios dos diferentes centros que integran a Rede de Centros Públicos de Maiores da Deputación de Lugo. Manifestan o seu interese por intercambiar correspondencia postal e e-mails cos seus iguais para forxar amizades entre eles.
9. Aniversarios. Aquí pódense atopar os aniversarios das persoas que van estar de celebración nos vindeiros meses.
Na revista tamén se poden ver textos escritos por persoal dos centros onde contan o que supuxo para eles empezar a traballar nos centros e como viven este tempo de pandemia. Ademais, recóllese o decálogo dos dereitos das persoas maiores e información do día a día dos centros.
O Presidente tamén puxo en valor o traballo do conxunto do cadro de persoal que traballa nos centros de maiores provinciais, desempeñen o posto que desempeñan. “Os equipos que dirixen e forman parte dos centros provinciais están moi involucrados coas persoas e proba disto é esta revista que veñen de editar, que dá mostra da cantidade de horas e dedicación individualizada que dedican, xuntos cos coidados persoais”.
Programación polo Día do Maior
Os centros de maiores da Deputación programaron para este Día do Maior actividades e menús especiais para celebrar esta xornada en familia. “Facer actividades e festexar celebracións para que os residentes saian da rutina é fundamental porque teñen unha motivación específica para mellorar a súa autoestima e súa calidade de vida, e ademais axuda a aliviar o estrés e deterioro cognitivo que produce o feito de estar illado pola situación sanitaria actual e con restricións de visitas”, indica José Tomé.
No Centro de Atención a Maiores de Ribadeo os usuarios participaron nun obradoiro de manualidades para decorar as instalacións para este día. Ao longo da mañá desenvolvéronse varias actividades deportivas, entre elas, zumba adaptada e competición de bolos. Ao mediodía degustaron un xantar especial composto por aperitivos, caldo galego, cocido completo e tiramisú. Pola tarde, a festa rematou cunha sesión de karaoke e baile.
No Centro de Atención a Maiores de Trabada desenvolveron ao longo de toda a semana un obradoiro interxeracional elaborando un vídeo para os nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia do municipio. O mércores tiveron unha saída especial pola vila, tendo en conta que seguen restrinxidas as visitas e saídas. Este xoves, no Día do Maior, arrancaron a mañá cunha clase de zumba adaptada e a presentación da revista que editaron. Para xantar tiveron sopa de cocido, cocido completo e tarta primavera de Tere.
No Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada decoraron as instalacións para conmemorar este día a primeira hora da mañá. Logo, participaron nas actividades de xerontoximnasia e antes de comer participaron nunha actividade grupal chamada De onde vés sendo? No xantar degustaron pementos recheos de bacallau, croquetas e empanadillas, lacón asado con patacas e sobremesa especial. Á hora de merenda non faltou a tarta do Día do Maior antes de visionar o vídeo Por que somos importantes? A tarde rematou cun macrobingo e verbena.
No Centro de Atención a Maiores de Pol pola mañá proxectouse o documental Hay alguien ahí?, un relato sobre distintos tipos de vida de diferentes persoas maiores e como afrontan o seu día a día, e ao remate fixeron unha reflexión grupal. Ao mediodía desfrutaron dun xantar especial e pola tarde non faltaron as sorpresas e unha merenda. Ademais, os usuarios e usuarias participaron nun obradoiro artístico para realizar unha estrutura tridimensional decorativa que reflexione sobre as necesidades e dereitos das persoas maiores, e que posteriormente se pendurou do teito da sala polivalente.
Mensaxes de agarimo
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, a Deputación de Lugo proponse dar visibilidade e recoñecemento dende a sociedade ás persoas maiores da provincia de Lugo, e moi especialmente e con moito agarimo a todas as persoas que teñen a súa casa e que constrúen o seu fogar día a día nos centros de atención ás persoas maiores provinciais da Fonsagrada, Trabada, Pol e Ribadeo.
Unha das propostas que se fan é animar a todas as persoas que queiran a que lles envíen mensaxes ou contacten con elas por diferentes vías, tendo en conta que seguen coas visitas do exterior limitadas:
CAM Fonsagrada: camfonsagrada@deputacionlugo.org
CAM Pol: campol@deputacionlugo.org
CAM Ribadeo: camribadeo@deputacionlugo.org
CAM Trabada: camtrabada@deputacionlugo.org
Ademais, promoven os hastags #somosbellos #somosvellos #somosvellas #somosbellas para lanzar mensaxes de concienciación, visibilización e de respecto cos dereitos das persoas maiores.